O goberno local destinará 600.000 euros a un novo programa de aforro enerxético despois de que o seu proxecto fose avalado pola UE

237

Betanzos investirá arredor de 600 000 euros, en concreto, 568 579 euros, en mellora do sistema de iluminación pública despois de que o seu proxecto fose aprobado pola Unión Europea dentro do programa operativo Feder de crecemento sustentable 2014-2020 con subvencións directas a proxectos singulares de entidades locais. En total investiranse 568 579 euros, segundo deu a coñecer hoxe a alcaldesa, María Barral, xunto co concelleiro de infraestruturas, Antonio Vázquez Lorenzo. Trátase dun proxecto que recolle actuacións de renovación das instalacións de iluminación pública, iluminación pública e sinalización pública exterior para mellorar a súa eficiencia enerxética e a consecuente redución das emisións de dióxido de carbono.

O proxecto recolle traballos na iluminación exterior do centro histórico e rúas do núcleo urbano; principais vías de saída do núcleo urbano en dirección a Ferrol, As Angustias e Infesta; e estradas en dirección a Oza, Paderne e Sada.

A actuación consiste na substitución de 662 luminarias convencionais por outras de tecnoloxía led, que se traduce nunha redución anual do consumo de enerxía do 76% do consumo actual dese conxunto de luminarias. Este aforro, pola rebaixa de potencia, non afectará, con todo, ao fluxo luminoso que será similar ou, mesmo, superior ao actual.

O proxecto inclúe tamén actuacións complementarias necesarias para a adecuación das instalacións ao regulamento electrotécnico para baixa tensión e para garantir o bo funcionamento das luminarias led. Neste sentido, prevense catro actuacións dentro do proxecto. A substitución das luminarias por tecnoloxía led, a substitución de centros de mando e unha reforma da instslación eléctrica que afecta o cableado e as tomas de terra.

Este proxecto únese a outras actuacións en materia de aforro enerxético levadas a cabo polo goberno local. As últimas, a mellora de seguridade viaria de 40 pasos de peóns en distintas zonas da cidade a través dunha nova iluminación led, especial para este tipo de sinalización, dentro dun proxecto que inclúe a substitución doutras 281 luminarias en varias zonas da cidade con tecnoloxía led. En total investíronse algo máis de 190 000 euros incluídos nun dos plans da Deputación Provincial no que ademais das luminarias se substituíron os soportes, tanto columnas como brazos, que se encuentraban en malas condicións; os centros de mandos en varias rúas así como novas columnas.