A empresa concesionaria do servizo de auga finaliza o plan de desinfección e a próxima semana Sanidade determinará se a auga é apta

95

A alcaldesa en funcións, María Barral, xunto co persoal técnico da empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga, Viaqua, e persoal responsable de Sanidade, mantiveron este mediodía en Santiago unha reunión de seguimento pola situación da auga e o brote de gastroenterite  para analizar a situación e o plan de desinfección realizado por Viaqua para a eliminación do Norovirus. A primeira edil explicou que o programa de desinfección desenvolvido por Viaqua, seguindo as formulacións realizadas desde Sanidade, está finalizado co que “mañá mesmo desde Sanidade tomaranse mostras en varios puntos da rede para, posteriormente, realizar a correspondente analítica para comprobar que a desinfección foi correcta”.

Posteriormente, a próxima semana, Sanidade tomará outras mostras noutros puntos que determinarán, tras a súa análise en laboratorio, se a auga é apta ou non para o consumo. En todo caso, “agardamos que o día 15 e non antes desta data sexa cando se determine se a auga está apta ou non para o consumo”.

María Barral tamén indicou que Augas de Galicia tomou, tal e como pedía o Concello, mostras en varios puntos do río, na zona de captación e río arriba.  Con todos os resultados sobre a mesa determinarase o día de volta á normalidade.

A alcaldesa en funcións explicou, ademais, que continuará mentres tanto o programa para abastecer de auga á veciñanza maior de 75 anos que estean nos programas de Servizos Sociais, a familias vulnerables, e tamén continuarán prestando esta cobertura as tres cisternas situadas na avenida do Carregal, na praza dos Irmáns García Naveira e na zona de Bellavista.