Elena Díaz Blanco é unha figura fundamental na conservación e difusión da cultura tradicional galega en Betanzos. Directora da Escola Municipal de Folclore de Betanzos (EMuF) desde a súa creación e responsable do Grupo Azougue, leva catro décadas entregada ao ensino, e á posta en valor da música e do baile tradicional.
Baixo a súa dirección, a EMuF converteuse nun referente da transmisión do patrimonio cultural, formando xeracións de nenos e nenas, mozos e mozas no amor polas tradicións galegas.
O Grupo Azougue, ligado á escola, naceu como froito dese traballo continuado arredor do baile tradicional e mantivo durante anos unha importante presenza en festivais, festas e encontros culturais dentro e fóra de Galicia. Ao longo destes 40 anos, Elena Díaz Blanco deixou unha fonda pegada na vida cultural de Betanzos, non só como mestra e directora, senón tamén como impulsora dun proxecto colectivo que mantén vivas as raíces, a música, os traxes e as danzas tradicionais galegas.










