O Concello e a Deputación asinaron o convenio da man da alcaldesa, María Barral, e o presidente provincial, Valentín González Formoso, que permitirá renovar o parque infantil do Pasatempo.
O acordo de colaboración fará posible destinar 300.000 euros a financiar á área infantil e facer realidade un dos proxectos prioritarios do goberno local neste mandato. Da totalidad do gasto, a Deputación achegará 240.000 euros, o 80% do investimento, e o 20% restante o Concello con fondos propios que tamén encargarase da licitación e da execución das obras.
A renovación e mellora das áreas infantís constitúe unha das liñas estratéxicas de traballo do executivo municipal, que nos últimos anos impulsou a creación de novos espazos de lecer e a modernización de parques en distintos barrios da cidade. Con esta actuación continúase avanzando no compromiso de ofrecer instalacións máis modernas, seguras, accesibles e adaptadas ás necesidades das familias.
O proxecto contempla a renovación integral da área de xogos do Pasatempo, a máis utilizada do municipio, coa instalación de 20 novos elementos destinados a diferentes idades. Entre eles figuran unha gran estrutura multixogos, un carrusel, xogos de equilibrio, un columpio, unha torre, balancíns, saltadores, estruturas de ponte e escalada, ademais de paneis táctiles, configurando unha ampla oferta lúdica accesible e inclusiva.
A intervención inclúe tamén a substitución completa do pavimento de caucho de seguridade para mellorar as condicións de uso da instalación.
Ao estar situada no Parque do Pasatempo, a nova área infantil contará cun deseño temático inspirado na obra de Juan García Naveira. As diferentes estruturas incorporarán elementos que evocarán algúns dos espazos máis emblemáticos deste xardín enciclopédico, como os reloxos mundiais, as cunchas ou as grutas, integrando así o valor patrimonial do recinto nun espazo pensado para o lecer e a aprendizaxe da infancia.
A alcaldesa destacou que “este proxecto representa unha aposta decidida por seguir mellorando os espazos públicos destinados ás familias e á infancia, ao tempo que pon en valor un lugar tan emblemático como o Pasatempo cunha proposta singular, integrada na súa historia e no seu patrimonio”. Así mesmo, agradeceu “a colaboración da Deputación para facer posible unha actuación moi demandada pola veciñanza e que contribuirá a seguir modernizando os parques infantís do municipio”.











