O Concello de Betanzos organiza unha nova edición do Festival Betanjazz, integrado na Rede Cultural da Deputación da Coruña, cunha programación que achegará ao público dúas propostas musicais de gran calidade durante a fin de semana.
O festival comezará o sábado 18 de xullo, ás 21:30 horas, coa actuación de Leticia Rey Quintet, formación liderada pola cantante e compositora galega Leticia Rey, que ofrecerá un concerto no que o jazz contemporáneo e as influencias do soul, do funk e da música de autor serán os protagonistas.
A programación continuará o domingo 19 de xullo, cunha modificación no horario inicialmente previsto. O concerto de Swing Titans adiántase ás 19:00 horas para facilitar que o público poida ver a final do Mundial de fútbol, que se disputará esa mesma tarde.
Swing Titans é unha formación especializada nos grandes clásicos do swing e do jazz, cun directo dinámico e festivo que pechará esta décimo quinta edición do Betanjazz.
Ambos concertos celebraranse na Praza da Constitución e serán de acceso libre.
En caso de choiva ou mal tempo, as actuacións trasladaranse á Aula de Cultura Xulio Cuns.
O XV Festival Betanjazz está organizado polo Concello de Betanzos no marco da Rede Cultural da Deputación da Coruña, reafirmando o compromiso municipal coa programación cultural de calidade e coa promoción da música en directo durante o verán.










