O Concello realizou un primeiro balance da Feira Franca Medieval 2026 nunha reunión de traballo mantida pola alcaldesa, María Barral, cos técnicos municipais e responsables da organización. As conclusións son moi positivas, tanto pola elevada participación rexistrada ao longo da fin de semana como polo impacto económico e turístico que xerou un evento que segue consolidando a súa posición como un dos grandes referentes deste tipo de mercados históricos en Galicia.
A alcaldesa destacou que a cidade volveu vivir tres intensas xornadas nas que miles de persoas percorreron as rúas do casco histórico para gozar dunha programación que combinou tradición, historia, cultura e espectáculo. “A Feira Medieval é xa unha das grandes marcas de cidade de Betanzos e cada ano demostra a súa capacidade para atraer visitantes, dinamizar a economía local e proxectar a nosa imaxe máis aló da comarca”, sinalou.
Aínda que a primeira xornada rexistrou unha afluencia algo inferior á doutros anos debido á coincidencia co partido da selección española no Mundial, a participación foi aumentando ao longo da fin de semana. O sábado, a choiva condicionou durante unhas horas a actividade da feira, mais a situación non impediu que a programación continuase con normalidade. Foi o domingo cando a cidade rexistrou unha afluencia masiva de visitantes, cun casco histórico completamente cheo durante boa parte da xornada e unha participación que superou as previsións iniciais.
Desde o Concello subliñouse especialmente a satisfacción trasladada polos vendedores e postos participantes. Os artesáns e artesás destacaron os bos resultados obtidos e o elevado interese do público polos produtos elaborados de maneira tradicional, mentres que tamén se rexistrou unha importante actividade na hostalaría e no comercio local durante toda a fin de semana.
María Barral incidiu en que a Feira Franca Medieval non só representa unha celebración cultural senón tamén un importante motor económico para a cidade. “O noso obxectivo é organizar actividades que poñan en valor a nosa historia e o noso patrimonio, pero tamén que contribúan a xerar actividade económica e oportunidades para o comercio, a hostalaría e o tecido produtivo local. Un ano máis conseguimos ambos os obxectivos”, afirmou.
A alcaldesa puxo en valor o labor desenvolvido por todas as persoas implicadas na organización e desenvolvemento do evento. “O éxito da Feira Medieval é un éxito colectivo. Detrás hai meses de traballo, coordinación e esforzo por parte dos servizos municipais, dos corpos de seguridade, dos voluntarios e voluntarias, das asociacións participantes, dos postos do mercado, da hostalaría e do comercio. A todos eles quero trasladarlles o meu agradecemento”, indicou.
O goberno local destacou tamén que, malia a elevada concentración de persoas durante toda a fin de semana, a feira desenvolveuse sen incidencias de relevancia, grazas ao dispositivo coordinado por Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e os distintos servizos municipais.
Barral salientou ademais o valor diferencial da Feira Franca Medieval de Betanzos, baseada na súa propia historia e identidade, e que continúa mantendo un lugar destacado entre os eventos destas características que se celebran en Galicia. “Cada ano son máis as persoas que escollen Betanzos para vivir esta experiencia. Iso confirma que estamos ante unha celebración plenamente consolidada, cunha personalidade propia e cun enorme potencial para seguir medrando”, afirmou.
O Concello realizará nas próximas semanas unha análise máis detallada desta edición co obxectivo de incorporar melloras de cara ao futuro, aínda que o balance inicial é de plena satisfacción polo desenvolvemento dunha feira que volveu converter Betanzos no gran escenario medieval de Galicia durante tres días.
Galería de imaxes
O Concello de Betanzos comparte unha ampla galería fotográfica que recolle algúns dos momentos máis destacados da XXVII Feira Franca Medieval. As imaxes permiten revivir os principais actos celebrados ao longo das tres xornadas, desde a apertura oficial e as recreacións históricas ata os espectáculos, o mercado medieval, as actividades infantís e o extraordinario ambiente vivido nas rúas do casco histórico durante toda a fin de semana.









