A recuperación do convento das Donas avanza coa reconstrución do muro e o arco lateral

447

A empresa que realiza os traballos da recuperación do convento das Donas iniciou estes días a reconstrución do muro e o arco dunha parte da edificación. Trátase da parte orixinal do inmoble que debido ao seu estado e aos perigos de desprendementos, primeiro tivo que ser retirada e agora recolocada pedra a pedra. Para estes labores realizouse un seguimento por parte da dirección de obra e as recomendacións de Patrimonio. Primeiro quitando as pedras e enumerándoas e agora colocándoas seguindo o sistema construtivo orixinal.

Así, despois dunha semana de traballos na recolocación das pedras xa é visible parte do muro e o arco. A actuación é executada por unha empresa especializada e que forma parte dos proxectos de recuperación patrimonial que impulsa o Concello coas actuacións de carácter administrativo vinculadas á recuperación da Casa Gótica; coa adquisición do edificio de sindicatos, ou os proxectos de mellora do mercado municipal ou o centro cultural San Domingos.

A recuperación das Donas alcanza os 372.700 euros, financiados entre a Deputación e o Concello, cunha achega, a municipal, de máis de 200.000 euros. Con este proxecto téntase “devolverlle a vida a unha peza singular  como espazo público”, segundo explicou a alcaldesa. “Será unha obra singular, unha aposta deste goberno por recuperar o patrimonio para uso dos veciños e veciñas, unha construción que será un referente polo que significa para Betanzos”.  A proposta ten como obxectivo conseguir un espazo que sexa referencia, non polo seu tamaño, senón por devolverlle o valor que a construción representou no contorno e para a xente daquela época.

O proxecto inclúe uns criterios da intervención que se poden resumir en: conservar todo aquilo que se recoñece como parte da edificación conventual e a eliminación de aditamentos que co tempo se lle foron engadindo sen criterio e que están, ademais, en ruína; conservar testemuñas das diferentes épocas e usos que tivo o monumento; devolverlle ao conxunto a posibilidade de uso, e completar o existente cos servizos necesarios, distinguindo claramente unha nova edificación da existente.

Contémplase a creación de espazos onde as actividades de lecer, estudo, exposición e convivencia, colectivas en xeral, se poidan desenvolver. O programa tradúcese na creación dun centro sociocultural, con dúas salas de uso múltiple. O corpo principal do conxunto, orixinariamente de dúas plantas que non chegaron a nós, proponse limpalo e deixalo como unha sala única. O proxecto expón un patio, tal e como o conxunto tiña na orixe, un espazo de encontro significativo, de acceso aos distintos corpos e con capacidade para “recoller” o parque contiguo. Os muros seguirán ao ser a envolvente do edificio e a imaxe do conxunto. Á beira, o patio  acristalado que define espazos e permite a percepción do espazo orixinal.

Con esta nova confección do conxunto obterase unha antesala, espazo de chegada (recibidor) localizada na entrada principal que tivo o convento, co arco de acceso como elemento distintivo e referencial, unha segunda sala multifuncional complementaria, e espazos onde situar aseos, instalacións e servizos necesarios para transformar o conxunto nun centro de actividades colectivas.

En definitiva, as actuacións pasan por rehabilitar o corpo principal como espazo único, cunha única planta, obtendo un espazo amplo, de dimensións e escala acordes co uso colectivo, a integración e restauración dos muros do perímetro que se conservan, a posta en valor dos arcos, como elementos singulares e a incorporación de novos espazos coa creación dun patio cunha antesala de chegada, onde se localizan os servizos, instalacións, armarios, futuros paneis informativos e calquera outro elemento que indique e convide o uso das actividades que en cada momento se desenvolvan no conxunto, con acceso desde a rúa e desde o patio, para recoller todos os posibles tránsitos, e desde o que se chega a todos os locais, unha sala de usos múltiples, un espazo pensado para ser utilizada como sala de reunións, de charlas, actividades lúdicas para nenos ou persoas adultas” definida polo muro e un peche acristalado que delimita o patio.