As obras de renovación de Cruz Verde e Xudeos comezan coa substitución de toda a rede de servizos cun investimento de máis de 270 000 euros

218
A alcaldesa, María Barral e o concelleiro de infraestruturas Diego Fernández visitaron a zona.

O Concello centrou a primeira fase dos traballos de mellora nas rúas Cruz Verde e Xudeos na renovación das redes de servizos.

Os traballos execútanse a través do Plan Único da Deputación, con achega do ente provincial e o propio Concello cun orzamento de 271 532 euros.

A alcaldesa, María Barral, visitou a zona para coñecer o desenvolvemento dos estes primeiros días de traballo “dada a complexidade que ten o proxecto”. A primeira edil mantivo unha reunión con responsables dun proxecto que comezou a executarse coa renovación das actuais canalizacións de recollida de augas residuais, pluviais e abastecemento de auga e que logo continuará coa renovación de pavimentos que presentan un deficiente estado de conservación. Barral dialogou tamén con residentes na zona dado que as obras causarán molestias durante varias semanas e cortes de tráfico que afectarán á entrada e saída de garaxes e á propia circulación polas rúas.

Mediante estas obras, do mesmo xeito que se fixo noutras zonas da cidade, renovaranse os pavimentos e  as beirarrúas existentes, e daqueles tramos da rúa que non contancon estas, e que presentan heteroxeneidade nos seus acabados, froito das distintas épocas de trazado. Colocaranse  un pavimento uniforme seguindo as solucións propostas noutras zonas de modo que se aumente a calidade estética e funcional tomando como exemplo acabados que tiveron solucións satisfactorias tanto en ámbitos do centro histórico (rúa da Cañota) como en rúas como a rúa Venezuela ou na rúa do Rollo. O obxectivo é que de forma progresiva se homoxenicen os acabados para outorgar unha imaxe de continuidade e coherencia progresiva a esta zona do centro urbano.

O ámbito de actuación comprende o tramo da rúa Xudeos, cuxa execución, dada a súa significación histórica, preténdese dignificar mediante o emprego de pavimentación pétrea que se continuará ao longo da rúa Cruz Verde nunha das súas marxes ata a confluencia coas escaleiras de baixada da avenida de Castela. Os pavimentos de formigón ao longo da rúa Cruz Verde serán reformulados na súa totalidade  ata a chegada ás escaleiras de baixada cara á rúa dos Ánxeles.

Aproveitando a execución das novas beirarrúas proxéctase a retirada dos tramos de rede de abastecemento de augas de fibrocemento que aínda se manteñen, e substituílos por outros  ademais de novas acometidas a cada unha das edificacións.

Tamén se detectou a existencia dunha canalización de auga de fibrocemento independente do abastecemento e que ten por obxecto a alimentación da fonte de Diana cazadora na praza dos Irmáns García Naveira. O devandito trazado, como no caso do tramo da de fundición será substituído no ámbito de traballo por unha nova de polietileno.

Exponse, ademais, a reposición do firme de rodaxe ao completo incluíndo o sistema de recollida de augas pluviais. Contemplouse a renovación das beirarrúas e pasos de peóns da rúa, ademais de proceder á ordenación do tráfico e dos espazos de estacionamento, dada a estreiteza en moitos dos tramos da rúa.