O sábado 6 de maio chega a Betanzos o contacontos “A lingoreteira” de Xarope Tulú. O espectáculo terá lugar ás 12:00 h na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns.
O contacontos está destinado a nenos e nenas a partir de 3 anos e as súas familias e ten unha duración de 45 minutos. A actividade ten 60 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas de ata dúas persoas adultas.
O prazo de inscrición para o espectáculo estará aberto en www.novas.betanzos.gal desde o 1 de maio ás 10:00 h e ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición.
Os Sábados Miúdos deste ano 2023 continuarán durante todo ano cunha chea de espectáculos para público infantil e familia como o danzacontos “A marabillosa viaxe da Pinga Pingona” de Laura Martínez en xuño, “Orella pendella” de Migallas Teatro en setembro, o concerto “O poder da Superlingua” da Gramola Gominola en outubro e “O pozo do encanto” de Bolboreta e Fabaloba en novembro.
Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico [email protected].
Este espectáculo está dentro do programa Lingua a escena da Rede cultural da Deputación da Coruña 2023.
“A Lingoreteira”
“Esa é unha lingoreteira”, dicían. O que non sabían era que, grazas a ela, algunhas das historias que conta esta proposta de Xarope Tulú chegarían ata hoxe. Con esta sesión de contos faise unha pequena homenaxe á lingoreteira que levamos dentro e que fai posible que a palabra falada e a oralidade non morran.
Un espectáculo para poñer en valor a lingua e promover o seu uso que enriba do escenario combina narración oral, música e manipulación dun monicreque. Lingoreteira é un espectáculo que favorece a vivencia positiva do galego e pon en valor a lingua a través de historias e contos que precisan da palabra viva e falada para existir.