A alcaldesa, María Barral, mantivo nas últimas horas conversacións con Augas de Galicia e Portos de Galicia sobre a situación xerada polo desbordamento dos ríos en varias zonas da cidade pero, en especial, no porto de Betanzos cos prexuízos que iso ocasiona ás empresas que se asientan na zona, en terreos de Portos de Galicia.
O obxecto destas conversacións foi coñecer a disposición dos dous organismos na procura de solucións que poidan minimizar os efectos das crecidas dos ríos. A primeira edil mantivo contacto con Portos de Galicia, nunha nova reunión “para tratar de buscar puntos de encontro, sabendo que non hai unha solución que garanta ao 100% que se eviten os problemas que padecen as empresas asentadas na zona Portuaria”.
O obxectivo da alcaldía é “que haxa un punto de encontro” desde o que poder traballar na procura “de solucións técnicas que minimicen o problema, do mesmo xeito que no seu día fíxose na estrada ao seu paso pola Ribeira coa instalación de bombeos para minimizar os efectos das mareas”.
María Barral considera que “o que non pode pasar é que nos crucemos de brazos mentres se suceden estes desbordamentos que afectan a empresas e traballadores, asumindo, como parece que asumen estes organismos da Xunta, que é unha situación sobrevinda. O que haberá é que buscar solucións técnicas que minimicen estas situacións cando estamos a falar de zonas que, por unha banda, son propiedade de Portos e de efectos nos ríos que son competencia de Augas de Galicia”.
Ante estas situacións, o que o Concello está disposto “é a tender pontes e buscar puntos de encontro e colaboración” como así llo trasladou ao presidente de Portos “con quen acordei remitir unha proposta para que se estude algunha solución técnica que minimice os problemas no porto. Sei que non é sinxelo nin hai solucións máxicas, entendo que poida haber limitacións económicas, pero o que non vou admitir é que non se faga nada e pase o tempo sen expor ningunha actuación”.










