Desbordamentos dos ríos Mendo e Mandeo

324

O nivel dos ríos Mendo e Mandeo volveu ser dos máis altos do ano á primeira hora da tarde do pasado 5 de novembro, o que provocou desbordamentos en varios puntos da cidade como o Porto, a zona do Pasatempo ou a Ribeira.

Desde o comezo, os servizos municipais estiveron presentes no lugar e, aínda que coincidiron intensas chuvias e un vento que tivo un efecto directo na ría porque impulsaba a auga cara á cidade, o certo é que non había risco de desbordamento “porque o nivel das mareas foi similar ao de días pasados”. Por esa razón, desde o Concello apúntase, unha vez máis, a que a posible apertura de comportas de minicentrais, sen previo aviso, sumado aos efectos das chuvias e o vento, provocou “os desbordamentos de primeira hora desta tarde”.

No casco urbano producíronse inundacións na zona do Porto, no parque do Pasatempo (na área de xogos infantís), no Carregal, no parque Pablo Iglesias, na Tolerancia e na Ribeira. Os servizos municipais prestaron apoio á veciñanza que así o requiriu e manteñen a presenza nos puntos afectados.

A situación a día de hoxe non ten nada que ver con episodios de antano, que só afectaban á Ribeira. Como pode apreciarse nas imaxes, as inundacións afectan outros barrios da cidade situados nas inmediacións dos ríos, distantes do barrio da Ribeira que sempre era o epicentro das inundacións ata a instalación dos bombeos, que onte volveron funcionar. Nestes momentos, coa baixada da marea, a situación volve normalizarse.

A teor da situación, María Barral, que percorreu desde a primeira hora da tarde a zona, indicou que o Concello se vai dirixir a Augas de Galicia para solicitar información e comprobar oficialmente se “a sospeita que temos, de apertura de comportas, se confirma”. Indica tamén que “se é así, esixiremos unha nova reunión de coordinación porque o que non podemos entender é que teñamos que seguir padecendo estas situacións e que ninguén con competencias na materia tome medidas”.

Lembrou que o ano pasado expuxo a Portos de Galicia a necesidade de realizar actuacións na zona portuaria a través da instalación, por exemplo, de bombeos similares aos da Ribeira. A resposta foi que “desde Portos se derivou a Augas de Galicia a proposta de calquera mellora que evite estas situacións, actuacións que Augas quedou de concretar pero que hasta agora non fixo”. Sinálase tamén que “o que non podemos facer é quedar de brazos cruzados” e que “corresponde a Augas actuar na zona”.