Betanzos centrará a súa promoción turística na 25 edición da Feira Medieval que ampliará número de días e potenciará as escenas históricas

89
A alcaldesa, María Barral foi a encargada de presentar a campaña na que a Feira Medieval será a protagonista

Betanzos presentou na caseta de Turismo de España, en Fitur, a campaña/anuncio de promoción turística centrada na celebración da 25 edición da Feira Franca Medieval.

A alcaldesa, María Barral foi a encargada de presentar a campaña na que a Feira Medieval será a protagonista a través dun anuncio que será compartido nas redes sociais do Concello con imaxes de escenas e acontecementos únicos da Feira e a imaxe que acompañará todas as actividades deste ano: un 25 rodeando o centro histórico e no seu interior personaxes que formaron parte dos carteis destas 24 edicións creados polo betanceiro Luís Galán.

Unha feira que, anticipou, será de catro días de duración, desde o 11 de xullo, e que potenciará as escenas históricas de Betanzos, coas catro danzas gremiais, únicas en Betanzos, que se programarán para o primeiro día da feira.

A alcaldesa explicou que nos últimos anos Betanzos centrou “a promoción da cidade en dous aspectos fundamentais. Por unha banda, na súa riqueza histórica e cultural, cun centro histórico extraordinario, declarado conxunto histórico artístico, considerado panteón heráldico de Galicia e capital do gótico galego, e por outro, no seu comercio e gastronomía”.

Indicou que a historia, a cultura, as tradicións, unido ao comercio de proximidade; a uns recunchos únicos, e á gastronomía, coa mellor tortilla do mundo, “fan de Betanzos ese lugar máxico e marabilloso, no que sempre, vaias cando vaias, sexa a época do ano que sexa, vas atopar algo que che enganchará e sorprenderá. E o mellor, e máis importante para nós, algo que che fará volver”.

Lembrou que en paralelo  á promoción que cada un destes últimos anos da  cidade, tentando levar o nome de Betanzos a todos os recunchos de España, “puxemos en marcha unha serie de proxectos e actuacións que grazas aos fondos Next Generation reforzarán, sen dúbida, o papel de Betanzos como referente turístico.

A recuperación do Mercado Municipal como centro hostaleiro e mercado de abastos unido a diversos plans de sustentabilidade turística que permitirán a posta en marcha de novos servizos de información; a posta en valor de edificios históricos; novas rutas para gozar do centro histórico de forma moito máis didáctica; novas formas e maneiras de percorrer a cidade cunha  rede de bicicletas eléctricas das que se poderán beneficiar non só as persoas visitantes senón os propios betanceiros e betanceiras; xunto coa promoción das nosas feiras mensuais e mercados semanais, e dos produtos locais, non só de Betanzos senón de toda a comarca; permitirán dar un paso máis en reforzar  Betanzos como lugar de destino preferente en Galicia”.

Un abano de posibilidades e atractivos únicos para quen visita Betanzos aos que se unirá moi pronto o Parque do Pasatempo, o primeiro parque enciclopédico da historia, que comezou a construírse a finais do século XIX. Un legado dos irmáns García Naveira, que, por fin, tras anos primeiro, de intenso traballo, para buscar fondos que permitisen a súa recuperación, e agora co desenvolvemento das obras, avanzadas nalgunhas partes deste e en proceso de contratación noutras, converterase axiña noutro atractivo máis para visitar Betanzos.

Barral explicou que a oferta de Betanzos conta, ademais, cunha Semana Santa declarada de interese turístico galego, e que xunto a Viveiro ou Ferrol, é, sen dúbida, outro referente en Galicia; como as festas patronais de agosto, de interese turístico nacional co Globo de papel máis grande do mundo como símbolo das celebracións xunto a unha das romarías máis importantes e centenarias do verán galego como son os xiras aos Caneiros asucando o río Mandeo.

“Pero por se todo isto fose pouco, xusto antes das festas, en xullo, Betanzos revive a súa historia e conmemora a concesión dunha feira franca anual polo rei Enrique IV de Castela.  Esa feira  cumpre este ano o seu 25 aniversario, razón de máis para convertela no noso símbolo de promoción turística para este ano. 25 edicións, desde 1998, que converteron a Feira Medieval nun referente xa non só en Galicia senón en España, e onde se dan cita miles de persoas cada segundo fin de semana de xullo”.

Barral comentou na súa intervención, ante unha sala ateigada na caseta de Turespaña, que “sen dúbida, non hai mellor lugar para revivir a historia que as rúas empedradas do centro histórico; decorado de forma especial para a ocasión; con máis de sete quilómetros de teas; máis de 120 postos de venda de produtos; e unha sucesión de representación de escenas teatrais da historia de Betanzos que xunto aos propios betanceiros e betanceiras que eses días se visten de época dan á feira esa compoñente que a fai única e que desperta admiración noutros moitos lugares de España”.

Desde fai vinte e cinco anos, cada segundo venres de xullo, o “mecenas” Fernán Pérez de Andrade, o noso máis insigne cabaleiro, preséntase cabalgando, seguido dun séquito de lanceiros e alabardeiros que trata de cubrirlle as costas fronte a unha masa axitada e enfurecida que envorca a súa ira contra o señor alcumado “O Bo”. Con el, Betanzos, a moi nobre, real e sempre leal cidade dos cabaleiros, regresa á Idade Media entre o entusiasmo dos betanceiros e das betanceiros e o asombro dos miles de visitantes que, desde os seus inicios asisten pampos ao delirio dunha cidade entregada ao esplendor doutras épocas para render o tributo máis sincero e localista a Betanzos.

Non de balde, un dos trazos que caracterizan a Feira Franca, dixo, é a implicación cidadá. “Os betanceiros e betanceiras non dubidamos, como dicía, en vestirnos de época, engalanar casas e escaparates para que a sensación de mergullarse nun mundo de revoltas, conspiracións e conquistas, sexa o máis auténtica posible. Con risas, bailes, boa mesa e bo “viño da terra de Betanzos” confirmamos a impresión de que nesta vila do pasado hai unha cidade de futuro”.

A alcaldesa explicou que o 25 “formará parte da imaxe conmemorativa deste ano. Unha imaxe deseñada polo betanceiro Luís Galán que inclúe escenas e personaxes que protagonizaron os carteis das 24 edicións anteriores deseñados tamén polo propio Luís Galán. Aínda que hai moitas máis de 10 razóns para vivir esta Feira -en alusión ao anuncio promocional- coidamos que son suficientes para espertar o interese de quen aínda non a coñeza, para que veña a Betanzos a gozala este ano connosco, porque ademais, como ano especial que é, terá máis días de celebración e, por tanto  tamén máis espectáculos”.

Algo único que “non vos podedes perder, do 11 ao 14 de xullo, se queredes ver unhas danzas gremiais únicas tamén en España como a de mariñeiros, xastres, labradores e zapateiros, ás que dedicaremos a apertura da feira para amosar e compartir con orgullo con todos e todas os que nos visiten a nosa historia; cun programa de actividades durante toda esa semana que farán inesquecible esta celebración”.