A Xunta Local de Seguridade valorou o pasado 8 de xullo, o avance que se produciu na cidade en canto á redución dos delitos menores e á diminución das situacións de trapicheo que se daban hai un tempo en varios puntos da cidade.
A presenza e vixilancia destas zonas e o labor de coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil fixeron que esa sensación de “inseguridade” que se percibía a determinadas horas do día en certos puntos da cidade desaparecese, ao mesmo tempo que o número de delitos rexistrados descendeu este ano en comparación co pasado, mentres que o seu esclarecemento mellorou en máis de tres puntos.
A situación de seguridade da cidade foi un dos asuntos abordados durante a Xunta Local de Seguridade convocada pola alcaldesa para analizar tanto este aspecto como os dispositivos previstos de cara á Feira Franca Medieval e ás festas patronais de agosto. Neste sentido, a Policía Local e a Garda Civil volverán reforzar a súa presenza en ambas as dúas citas, centrándose a primeira no casco urbano e a segunda na zona periférica.
De cara á Feira, ademais, haberá presenza de ambos os dous corpos nas propias rúas do casco histórico con dispositivos de vixilancia e seguridade que xa se desenvolveron durante os últimos anos con moi bos resultados.
Tamén se reforzarán os dispositivos de cara ás festas de agosto, e máis concretamente nos principais días de celebración, é dicir, os días 16, 18 e 25, coincidindo co Globo, as dúas xiras aos Caneiros e as fins de semana.
Para ambas as dúas celebracións, o Concello disporá de Puntos Violeta. Na Feira Medieval estarán operativos os tres días, 10, 11 e 12, de 22.00 a 01.30 horas; mentres que nas festas funcionarán os días 15, 16, 18 e 25, así como as fins de semana. No caso das xiras aos Caneiros, estarán en funcionamento de 17.00 a 21.00 horas.
Os Puntos Violeta serán espazos destinados a implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero, facilitando información sobre como actuar neste tipo de casos. Trátase, en definitiva, dun espazo de atención, información e axuda ás vítimas, así como de sensibilización da sociedade na loita contra as agresións sexistas durante as festas.
Tamén se analizaron datos de violencia de xénero, co seguimento os casos abertos e a cordinación e reforzo dos corpos de seguridade a través do sistema Viogen.












