Betanzos inclúe a mellora de camiños, a construción de redutores de velocidade e a reforma da praza de Dona Águeda nun plan de obras provincial

51
Praza de Dona Águeda

O goberno local levará a Pleno, o próximo día 7, os proxectos a incluír no Plan de Obras e Servizos financiado entre o propio Concello e a Deputación da Coruña. Trátase da mellora dos viarios municipais de Aguieiro, Bravío, Fontela e Pazo, ademais da rehabilitación e impermeabilización da praza de Dona Águeda e diversas actuacións de mellora da seguridade viaria coa construción de redutores de velocidade.

No caso dos viarios, o proxecto inclúe as parroquias de San Martiño de Tiobre, Brabío e Piadela, nas zonas de Caraña, Betanzos O Vello, Piñeiro e Viladesuso. Os traballos consistirán na mellora de sinalización e o firme.

Outro dos proxectos incluídos no Plan de Obras é o de rehabilitación da praza de Dona Águeda, que non presenta un bo estado de conservación na pavimentación e a impermeabilización. O obxectivo non é outro que modificar o deseño e funcionalidade da praza, cun novo deseño de pavimentación xunto a novo mobiliario.

O terceiro proxecto incluído no Plan de Obras centrarase na mellora de seguridade viaria en rúas da zona urbana. Crearanse pasos de peóns que, simultaneamente, permitan o seu funcionamento como canles redutoras de velocidade. Ademais, melloraranse pasos xa existentes para facelos accesibles a persoas con mobilidade reducida na medida do posible.

Así, melloraranse ou crearanse pasos de peóns no paseo do Malecón, rúa Ribeira, rúa Valdoncel, Alfonsí, Alfonso X e poeta Manuel María. Crearanse redutores de velocidade en rúa do Rollo e no camiño de Cal das Barras e mellorarase o aglomerado na rúa do Rollo.

Por último, o POS Adicional destinarase a ampliar a partida municipal para axudas de emerxencia ás familias con carencias nas súas necesidades básicas. Neste sentido, a alcaldesa, María Barral, indicou que na parte correspondente ao financiamento de gastos sociais extraordinarios á que se pode dedicar o POS adicional, o Concello decidiu ampliar as partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia a unidades de convivencia en risco de exclusión social cando exista unha ausencia ou déficit grave de recursos económicos que non asegure a cobertura das necesidades básicas como son a vivenda e gastos para o seu mantemento; alimentación, educación, gastos médicos e farmacéuticos, transportes e aqueloutros que consideren os servizos sociais municipais. A través do Plan Adicional, Betanzos incluíu unha partida próxima aos 70 000 euros.