Betanzos inclúe unha liña de axudas para adecuar locais comerciais para o seu posterior alugueiro dentro do plan de sustentabilidade turística do centro histórico

250

O Plan de Sustentabilidade Turística no que traballaron conxuntamente a Reserva da Biosfera e o Concello e que se acaba de presentar para optar a fondos Next Generation dentro do Plan de Recuperación, Trnasofrmción e Resilencia do Goberno central, recollerá unha serie de actuacións no centro histórico, cun investimento total de 2,3 millóns de euros en tres anualidades co obxectivo xeral de posicionar Betanzos a nivel nacional como polo de turismo cultural e escaparate dos produtos agroalimentarios da Reserva da Biosfera á que pertence; mediante a creación dunha oferta experiencial diferenciadora, de calidade e comercializable que poña en valor a identidade do territorio e axude á xeración de riqueza.

Entre as moitas accións que recolle o Plan, a alcaldesa, María Barral, presentou  a incentivar a actividade e captación comercial creando para iso unha primeira fase de liña de axudas e financiamento para a rehabilitación de baixos comerciais.

A existencia de espazos degradados no centro histórico é un dos aspectos detectados dentro das debilidades da análise realizada para a elaboración do plan; esta situación é provocada en ocasións pola existencia de baixos comerciais sen actividade que ofrecen unha imaxe de abandono do centro histórico.

Por este motivo, a incentivación da adecuación destes baixos comerciais para a súa futura ocupación por parte de empresas e comercios postúlase como unha actuación necesaria para o embelecemento deste aspecto do centro histórico, que terá repercusión tanto para os residentes como para os visitantes.

Durante o desenvolvemento do proceso participativo realizado pola consultora que elaborou o documento que agora se presenta ao Estado, destacouse como fortaleza por encima doutras cuestións o propio centro histórico do destino Betanzos; pero ao mesmo tempo este centro histórico presenta debilidades como a existencia de espazos degradados. En ocasións, estes espazos son considerados como tal pola ausencia de actividade nos baixos comerciais.

Neste sentido, postúlase como necesaria unha actuación liderada desde o propio Concello que incentive a adecuación destes espazos, anteriormente comerciais, para que volvan ter vida e crese un reclamo para o regreso e instalación de empresas e comercios a esta zona.

Para a consecución desta actuación exponse o desenvolvemento dunhas bases de convocatoria nas que se recollerán as características e requisitos que presentará dita liña de financiamento. Nas bases definiranse os requisitos para acceder a este financiamento e tamén as obrigacións dos beneficiarios, que deben contribuír a apoiar o emprendemento, achegándolles facilidades de alugueiro dos seus establecementos e participar nas accións e obxectivos deste Plan de Sustentabilidade. O plan recolle unha liña de axudas, nunha primeira fase, de 300.000 euros que logo se incrementarán en función da demanda que poida existir a través doutros programas que impulsará o goberno local en colaboración con outras administracións, segundo indicou a alcaldesa.