Betanzos prevé o primeiro parque infantil do centro histórico e un servizo de biciletas eléctricas na cidade dentro do plan de sustentabilidade turística presentado a Fondos Europeos

308

O Plan de Sustentabilidade Turística no que traballaron conxuntamente a Reserva da Biosfera e o Concello e que se acaba de presentar para optar a fondos Next Generation dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno central, recollerá unha serie de actuacións no centro histórico, cun investimento total de 2,3 millóns de euros en tres anualidades co obxectivo xeral de posicionar Betanzos a nivel nacional como polo de turismo cultural e escaparate dos produtos agroalimentarios da Reserva da Biosfera á que pertence; mediante a creación dunha oferta experiencial diferenciadora, de calidade e comercializable que poña en valor a identidade do territorio e axude á xeración de riqueza.

Entre as moitas accións que recolle o Plan, a alcaldesa, María Barral, presentou dous novos proxectos. Trátase da creación do primeiro parque de xogos infantís co que se dotará o centro histórico e un programa de roteiros temáticos e roteiros guiados interpretativos que se poderán realizar en bicicleta. Esta actuación completarase cun servizo de bicicletas eléctricas de alugueiro que terá varias estacións de recarga en puntos da cidade, xa que non só será de uso no centro histórico.

O parque infantil está incluído nas actuacións previstas na primeira fase das tres anualidades do plan de sustentabilidade turística e conta cunha asignación orzamentaria de 210.000 euros. Trátase de recuperar un espazo verde, actualmente degradado no centro histórico. Crearase un espazo de carácter familiar, que incluirá xogos de aprendizaxe para os máis pequenos relacionados coa historia do casco. Será o primeiro parque co que conte a zona antiga e servirá tamén como complemento ao resto de actuacións que se pretenden impulsar, neste caso enfocada cara aos máis pequenos.

En canto aos roteiros, o programa previsto recolle a creación de tres proxectos: a creación e deseño de roteiros guiados interpretativos, axuntando os valores de Betanzos contidos na importancia do centro histórico como elemento vivo, nos establecementos do centro histórico e nos produtos enogastronómicos da Reserva da Biosfera “para que o visitante poida gozar dunha verdadeira viaxe polo centro histórico”.  A maiores, crearanse vías de cicloturismo co obxectivo de que estes roteiros poidan realizarse en bicicleta e que, ademais, con este medio de transporte sostible, poida disfrutrase dos principais recursos ambientais de Betanzos como os seus ríos; e tamén do parque do Pasatempo.  A terceira “pata” do programa complétase cun servizo de bicicletas eléctricas de alugueiro, coa instalación de estacións de recarga en varios puntos da cidade permitindo a recollida nun punto e a devolución noutro, e conectando os diferentes recursos tanto do centro histórico como que existen fóra desta zona. A partida prevista para estas actuacións é duns 400.000 euros.