“Da guerra como arte á arte en contra da guerra”

440

O pasado venres 5 de de marzo tivo na Sala Azul do edificio Arquivo (antes Liceo), unha conferencia audiovisual organizada por A Forxa Produccións, co patrocinio da Deputación da Coruña a colaboración do Concello de Betanzos e coordinada pola historiadora da arte Rosario Sarmiento que baixo o título “Arte da guerra, a guerra na arte. A guerra e o seu relato na arte contemporánea en Galicia”, reivindica o papel comprometido e de denuncia dos e das artistas galegos fronte aos conflitos armados.

Esta iniciativa, quere achegar á sociedade o relato da guerra a través da arte contemporánea, para concienciar a cidadanía contra da violencia a través das obras de arte que tratan esta temática.

“A guerra, os seus protagonistas, os seus escenarios e as súas consecuencias ten sido na arte contemporánea un tema sobre o que moitos creadores traballaron, denunciando moitas veces os abusos, as atrocidades e a dor que sempre deixa tras de si calquera conflito armado”, explica Rosario Sarmiento. Sen embargo, “non será ata finais do século XVIII e comezos do século XIX, cando a maneira máis académica de relatar as guerras como acontecementos heroicos ou grandiosos será posta en cuestión por un artista como Francisco de Goya, que marcará a modernidade deste xénero artístico”, apunta.

En Galicia, Ramón Parada Justel, un dos compoñentes da chamada Xeración Doente será pioneiro nesta denuncia en 1899, co cadro A familia do anarquista o día da execución, sendo un dos nosos primeiros creadores contemporáneos que se achega á temática da violencia da guerra. “O golpe de estado de 1936, coa represión, o terror e a tremenda experiencia da Guerra Civil serán claves para o posicionamento e a denuncia de moitos dos artistas que contribuirán á modernidade da creación plástica nas primeiras décadas do século XX en Galicia”, sinala Sarmiento.

Nomes como Luis Seoane, Castelao, Colmeiro, Arturo Souto e Federico Ribas denunciarán aos responsables do golpe e a dramática situación da poboación civil. Tamén Isaac Díaz Pardo, Conde Corbal, Agustín Pérez Bellas, Mercedes Ruibal, Xaime Quessada, Francisco Leiro, Jorge Castillo, Reimundo Patiño, Xavier Correa, Antón Patiño ou Caxigueiro expresarán o seu compromiso e deixarán en moitas obras a súa mirada de compromiso fronte á realidade da guerra.

Artistas e as súas obras son a base para aprender arte concienciandose contra a guerra cunha linguaxe divulgativa para todo tipo de público.