A alcaldesa, María Barral, amosou o seu interese en crear unha área Rexurbe que inclúa a totalidade do centro histórico e os barrios dos Remedios e A Magdalena. Así llo trasladou á conselleira de Vivenda, Ánxeles Vázquez, durante a visita que ambas as dúas realizaron ao centro histórico.
O obxectivo do Concello é que coa área Rexurbe se amplíe o radio de acción de compra de vivendas no centro histórico tendo en conta as dificultades que houbo nas últimas convocatorias para que as persoas propietarias de inmobles situados na rúa da Cerca e arrabaldes reunisen as condicións marcadas pola Consellería para poder incluír as súas vivendas neste programa de compra.
María Barral destacou que o programa que está a levar a cabo a Consellería de adquisición de vivendas “está a resultar positivo para incentivar a recuperación de inmobles e a súa posta a disposición como vivendas en réxime de aluguer”. As últimas convocatorias para a adquisición de vivendas continuaron centrándose na zona da Cerca e as rúas adxacentes co que “cada convocatoria resulta máis difícil que as persoas propietarias que xa non cumpriron as condicións na anterior, poidan cumprilas na seguinte, co que se esgotan as vías para poder a disposición do programa novos inmobles”.
Nesta situación, a proposta do goberno local á Xunta pasa por ampliar a zona de compra a outras rúas do centro histórico a través da área Rexurbe xa que “sabemos que hai propietarios dispostos a participar no programa da Xunta e que poden cumprir as condicións”. O obxectivo, para a alcaldesa, é “incentivar a recuperación de inmobles en todo o centro histórico e non centralo só nunha única zona”.
María Barral trasladoulle á conselleira a súa disposición a manter e potenciar a colaboración que existe entre as dúas administracións para o desenvolvemento estes programas de adquisición de vivendas, froito tamén da boa sintonía que existe coa consellería no desenvolvemento destas accións.