O Concello concedeu 78 axudas dentro do programa de apoio para o pagamento da vivenda habitual, tanto a persoas inquilinas cun contrato de alugueiro ou cun préstamo hipotecario. Trátase dun programa de axuda social que o Concello iniciou no seu día polas consecuencias da Covid en familias do municipio e ao que se lle deu continuidade nos anos posteriores. En total, destináronse uns 70.000 euros a axudas nun programa que conta coa participación do Concello e da Deputación a través do POS Social.
O plan ten como obxectivo contribuír a minimizar o impacto económico e social nas familias máis vulnerables. Houbo un total de 109 solicitudes, das que 29 foron denegadas por non cumpriren todos os requisitos, a maior parte delas por superaren os ingresos; e outras dúas porque renunciaron.
No caso das axudas de vivenda, foron beneficiarias persoas titulares dun contrato de alugueiro ou dun préstamo hipotecario no que a vivenda constitúe a súa residencia habitual, así como da súa unidade de convivencia. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais integrantes da unidade tiñan que constar como empadroadas na vivenda, cunha antigüidade mínima de seis meses, e estaren en situación de vulnerabilidade económica; isto é, que o conxunto dos ingresos dos membros da unidade de convivencia non superase, con carácter xeral, as cantidades fixadas cando se convocaron as axudas.
Na concesión destas axudas tiveron maiores vantaxes os grupos de familias de especial consideración: familias numerosas, monoparentais, con persoas maiores ou con discapacidades ao cargo, acolledoras ou vítimas de violencia de xénero.
A través destas 78 axudas, algunhas familias recibirán o importe correspodente a catro meses de alugueiro e outras a tres, en función da situación socioeconómica da unidade familiar.











