O Concello de Betanzos, ABANCA e Afundación asinan un convenio de colaboración cultural

1134
A alcaldesa do Concello de Betanzos, María Barral Varela; o director de Banca Institucional de ABANCA da Coruña, José Manuel Vilariño Orgeira; e a coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación, Pomba Vea Garicano

O tres entidades desenvolverán a exposición «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» no marco desta colaboración que forma parte do proxecto «Corrente cultural»

O Concello de Betanzos e a ABANCA e Afundación asinaron un convenio de colaboración cultural mediante o cal o tres entidades levarán a cabo a exposición «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia». Á sinatura asistiron a alcaldesa do Concello de Betanzos, María Barral Varela; o director de Banca Institucional de ABANCA da Coruña, José Manuel Vilariño Orgeira; e a coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación, Pomba Vea Garicano. A exposición, de entrada libre e gratuíta, inaugurarase o próximo 10 de abril na Sala de Exposicións Jesús Núñez (praza de Galicia, 1) e poderase visitar ata o 5 de maio, de luns a venres en horario de 10.00 h a 14.00 h e de 18.00 h a 21.00 h, e os sábados, de 11.30 h a 14.00 h.

Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade. Ademais, a área Educativa de Afundación deseñou diversas didácticas para os proxectos expositivos incluídos neste programa, adaptadas ás idades dos escolares, desde primeiro de infantil ata bacharelato e ciclos formativos. Así, os estudantes de Betanzos desde educación infantil ata 3.º de primaria poderán participar na didáctica «Viaxando da man de Antón, o fillo do afiador»; os de 4.º de primaria ata 2.º de ESO en «Betanzos 1924. Regreso ao pasado»; e os de 3.º e 4.º de ESO, bacharelato e ciclos formativos en «Unha mirada de outrora». O teléfono de inscrición é o 986 333 210 ou o correo [email protected].

A MOSTRA «UNHA MIRADA DE ANTANO: FOTOGRAFÍAS DE RUTH MATILDA ANDERSON EN GALICIA»

«Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» presenta un completo relato documental dunha época de transición debido á entrada de potentes aires de cambios procedentes de Europa da man dos intelectuais do grupo Nós. Ruth Matilda Anderson recolleu en imaxes e en anotacións minuciosas o que atopou nas súas expedicións “a primeira, acompañada do seu pai entre 1924 e 1925, e a segunda, coa súa compañeira investigadora na Hispanic Society, Frances Spalding, entre 1925 e 1926”.

No ano 1924 desembarcou no porto de Vigo, acompañada polo seu pai, Alfred Theodore Anderson, e cun completo equipo fotográfico que provocou o asombro de todos os oficiais de aduana. Tras as oportunas explicacións para gravar os impostos de entrada, pai e filla iniciaron unha expedición de, aproximadamente, un ano para documentar a esencia de Galicia que buscaba Archer Milton Huntington, reflectindo o traballo de campo etnográfico e o académico, de modo que se mostrase unha visión do estudo da cultura hispánica en todas as súas facetas. Para este propósito, Huntington recorreu á Clarence H. White School de fotografía en busca de profesionais que retratasen a España dos anos vinte, con dúas condicións en mente. A primeira, terían que ser mulleres, e a segunda, de relixión cristiá. Segundo o explicado polo conservador de The Hispanic Society of America, Patrick Lenaghan, este último condicionante podería responder, quizais, á «moral conservadora da época». Deste xeito, no ano 1921 Ruth Matilda Anderson foi contratada como fotógrafa investigadora na Hispanic Society e en 1924 partiu para España no primeiro encargo de Huntington. Acompañada polo seu pai, percorreu Galicia, aprendeu as linguas, castelá e galega, e os costumes, dirixiuse ás aldeas e falou coa xente. O seu trato tan próximo coas mulleres e homes de Galicia favoreceu que o seu traballo reflectise con tanto coidado e empatía a realidade galega dos anos vinte.