O Concello prohibirá temporalmente o estacionamento de vehículos no ramal de acceso á estación de Betanzos-Infesta desde a estrada AC-542 (estrada de Infesta) a partir do vindeiro 4 de xuño e ata o 11 de xullo, co obxectivo de facilitar a circulación dos autobuses que prestarán servizo alternativo ao ferrocarril durante as obras que Adif está a executar na estación da Coruña.
A medida adóptase tras a comunicación realizada por Renfe sobre as modificacións temporais que afectarán a distintos servizos ferroviarios con orixe ou destino na Coruña. Como consecuencia destes traballos, unha parte dos desprazamentos das persoas usuarias do tren realizarase por estrada mediante autobuses habilitados pola compañía ferroviaria.
No caso das liñas ferroviarias que conectan a Coruña con Ferrol e Lugo, os viaxeiros e viaxeiras efectuarán os desprazamentos entre a Coruña e Betanzos-Infesta en autobús, converténdose a estación betanceira nun punto de intercambio entre os servizos ferroviarios e o transporte por estrada.
Co fin de garantir a correcta prestación deste servizo, así como a seguridade das persoas usuarias e a fluidez nas manobras de entrada e saída dos autobuses que accederán ata a propia estación para a recollida e baixada de pasaxeiros, será necesario manter libre de vehículos o ramal de acceso desde a AC-542 durante todo o período de afección.
O Concello solicita a colaboración da veciñanza e das persoas usuarias da estación para respectar a sinalización provisional que se instalará na zona e facilitar así o normal desenvolvemento dun dispositivo que permitirá manter a mobilidade ferroviaria mentres duren as obras na estación coruñesa.
A prohibición temporal de estacionamento permanecerá vixente ata o 11 de xullo, data prevista para a finalización desta fase dos traballos e a recuperación da operatividade habitual do servizo ferroviario.











