O Concello e a Subdelegación do Goberno elevarán a Madrid a situación da oficina do INSS de Betanzos para que se incremente o persoal unha vez solucionados os problemas das citas presenciais.

217
A alcaldesa visitou as instalacións xunto co subdelegado do Goberno, Julio Abalde

O Concello trasladará á dirección provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e á dirección xeral, en Madrid, a “falta de persoal” da oficina para atender a demanda existente, agora que xa se presta atención presencial. Porén, o número de traballadores (3 persoas, cunha máis de baixa) non é suficiente para cubrir o servizo, polo que a alcaldesa solicitará que se avalíe a situación e se poñan os medios necesarios, incrementando o persoal.

A alcaldesa visitou as instalacións xunto co subdelegado do Goberno, Julio Abalde, con quen xa mantivera unha reunión previa para expoñer os problemas da oficina e os inconvenientes que provoca aos veciños de Betanzos e da comarca, obrigándoos a desprazarse a outros lugares.

A rexedora explicou que, aínda que se solucionou o problema das citas presenciais, agora existe outro: o número de citas diarias é insuficiente debido ao escaso persoal. As citas concédense cun prazo de quince días e cóbrense a primeira hora da mañá, polo que o sistema deriva aos usuarios a outras oficinas como Negreira, Ortigueira ou Melide. Mesmo A Coruña non aparece como alternativa porque tamén ten os cupos completos.

María Barral e Julio Abalde acordaron reclamar un incremento de persoal e que se adapten as prazas ás necesidades reais de Betanzos, xa que é necesario dar unha solución definitiva e cubrir as baixas existentes.