A alcaldesa de Betanzos, María Barral, xunto co concelleiro de Educación, Andrés Hermida, recibiu na Casa do Concello a un grupo de alumnos italianos do Liceo Statale Giorgio Buchner (Ischia, Nápoles), que participan estes días nun intercambio educativo co CPR plurilingüe Nuestra Señora del Carmen-Atocha.
O grupo está formado por estudantes de entre 15 e 17 anos que permanecerán durante varios días na cidade, onde terán a oportunidade de coñecer o patrimonio cultural de Betanzos e convivir con familias e alumnado local. Ademais, o programa inclúe visitas a A Coruña e Santiago de Compostela.
Durante a recepción oficial, a alcaldesa destacou a importancia do intercambio cultural e educativo entre países e animou ao alumnado a gozar da súa estancia en Betanzos, expresando o desexo de que esta experiencia lles deixe un recordo positivo e que poidan regresar no futuro.
No acto tamén participaron alumnos do centro anfitrión e profesorado de ambos colexios, tanto do centro betanceiro como do italiano.
Este intercambio enmárcase nun programa europeo de mobilidade estudantil, que promove o coñecemento mutuo entre a mocidade e contribúe ao seu desenvolvemento persoal e académico.











