O Concello pretende mellorar a seguridade viaria nas rúas da cidade e en puntos da zona rural cunha campaña de pintado de pasos de peóns e a instalación de sistemas de iluminación nestas zonas de paso nos puntos máis transitados do casco urbano.
Sobre esta última actuación, o goberno local acaba de sacar a contratación a mellora dos pasos de peóns da avenida de Castilla (fronte ao estanco); o paso situado na praza García Naveira; o da avenida Linares Rivas coa rúa Sánchez de Taibo; e o da rúa Cabildos (zona escolar).
Os pasos serán sinalizados cun sistema de iluminación eficiente e sinalización intelixente que reforzará a seguridade nestes espazos públicos. En cada un deles instalaranse columnas de aceiro galvanizado, sensores de presenza e luminarias LED de alta potencia, ademais de destelladores luminosos.
Estes puntos completan os traballos levados a cabo na avenida Jesús García Naveira, unha das vías con máis tráfico da cidade. O plan contempla novos puntos no futuro, especialmente en zonas sensibles polo seu uso como zona de paso.
Sinalización
Por outra banda, ás obras de construción de pasos de peóns elevados (que obrigan a reducir a velocidade dos vehículos), o Concello engade agora unha campaña de pintado en toda a cidade e zona rural.
Os traballos comezaron en rúas como rúa Venezuela, Tomás Dapena, Alcalde Beccaria e rúa Rollo, e continuarán na zona de Doutor Fariña e arredores.












