O Club Pickleball Dorneda-Betanzos logra o terceiro posto no Campionato Galego Absoluto por Equipos da División de Prata

39

O Club Pickleball Dorneda-Betanzos acadou un destacado terceiro posto no Campionato Galego Absoluto de Pickleball por Equipos da División de Prata, celebrado o pasado 5 de xullo en Sanxenxo.

O equipo betanceiro participou cun conxunto de veteráns fronte a equipos de toda Galicia de categoría absoluta, representando a Betanzos nun campionato de ámbito autonómico e demostrando un elevado nivel competitivo.

Este resultado constitúe un importante éxito deportivo para o club e pon de manifesto o crecemento que o pickleball está a experimentar en Betanzos. Trátase dunha disciplina inclusiva, interxeracional e en constante expansión, que cada vez conta con máis persoas practicantes.

O terceiro posto na División de Prata supón un novo paso na consolidación do proxecto deportivo do club. De cara á próxima tempada, o obxectivo será manter a boa liña de resultados e loitar polo ascenso á División de Ouro, a máxima categoría autonómica, o que permitiría seguir dando visibilidade ao deporte betanceiro.