O Concello inclúe proxectos de mellora de equipamentos no POS+2018 que superan os 850.00 euros

1557
Pasarela do Pasatempo (Foto La Voz de Galicia)
A Corporación Local aprobou cos votos de PSOE, PP, Betanzos Novo e Betanzos en Común e en contra do BNG, as actuacións para incluír no Plan Único de Concellos POS+2018 e do Plan Complementario do ano 2018. En total, o investimento superará os 1,6 millóns de euros.
No primeiro dos plans, o goberno local incluíu unha serie de proxectos de infraestruturas e equipamentos como a mellora de instalacións ou pistas polideportivas exteriores como As Minas, O Sapeiro, O Xuncaliño e Guiliade para as que se reservan 123.116 euros. Outro dos proxectos é a mellora da urbanización e servizos da praza Paio Formoso e a de rúa Mariña ata a rúa Manuel Naveira, cun investimento de 237.163 euros; e a de alcalde Beccaria, Tomás Dapena e Avenida de Castela, de 151.902 euros.
A Corporación tamén incluíu na relación de proxectos a adecuación e mellora de diverso patrimonio municipal, con actuacións que afectan o edificio Liceo; o centro cultural Santo Domingo, o cinema Alfonsetti, o lavadoiro de As Cascas e o local social de Castro, nos que se investirán 84.860 euros. Dentro da relación de obras, unha das máis importantes é a de reparación e mantemento da pasarela metálica do parque do Pasatempo, dado o estado no que se atopa. O proxecto alcanza os 261.037 euros.
En canto ao Plan Complementario 2018 incluíronse sete proxectos por un montante total de 895.416 euros. Na relación de actuacións está a mellora, pavimentación e instalación de servizos na rúa Castelao, continuando así o programa de obras en viarios municipais para a que se destina 146.457 euros; e a mellora da rúa Concepción Arenal, con 79.406 euros. O goberno local tamén incluíu neste plan a mellora da seguridade e pavimentación de varias rúas en Requián e Piadela, con 135.004 euros; e en Castro, A Peada e a rúa do instituto Francisco Aguiar, con outro investimento de 146.682 euros.
Outro dos proxectos é o de reparación e mantemento da pasarela metálica de Infesta, para a que se destinan 66.786 euros e de pavimentación asfáltica de vías públicas municipais nas parroquias de Tiobre, Pontellas, Piadela e Requián, con 194.212 euros. Por último inclúese outra actuación para a instalación dun sistema de control de tráfico mediante lectura de matrícula para no centro histórico, no que se investirán 36.788 euros.