O Concello inicia unha nova campaña de loita contra a velutina na que quere implicar á veciñanza coa entrega de trampas gratuítas

956
O concelleiro de Seguridade, Diego Fernández, xunto a membros de Protección Civil

O Concello dará un paso máis na súa loita contra as avespas velutinas. Ademais dos labores que levan a cabo os servizos de Protección Civil, o Concello entregará de forma gratuíta, trampas para colocar en zonas nas que a veciñanza detectou presenza destes insectos. Estes aparellos entregaránselle á veciñanza no edificio Liceo, e horario de dez da mañá a unha da tarde e de seis a oito e media da tarde, de luns a venres ata fin de existencias. Entregaránselle á veciñanza do municipio.

O concelleiro de Seguridade, Diego Fernández, presentou, xunto a membros de Protección Civil, a campaña coa que se pretende colaborar coa veciñanza para evitar a aparición de niños de velutina. Trátase dun recipiente de plástico que contén no seu interior unha substancia con zume de arandos que se mestura con auga.

É fundamental a colocación destas trampas nesta época dado que é a idónea para a captura de raíñas, xa que cada raíña “fundadora” capturada significará que hai un niño menos na contorna. As novas raíñas nadas o outono anterior, emerxen do período de hibernación a finais de febreiro, inicio de marzo, e comezan a construír o niño para a continuación realizar a primeira posta de ovos.

A finais de maio, primeiros días de xuño, nacen as primeiras avespas obreiras, e estas se ocupan desde este momento de realizar todos os labores necesarios para o desenvolvemento da colonia. A partir deste momento, as raíñas permanecerán constantemente no interior do niño, e ocuparanse unicamente da tarefa de posta de ovos. Consecuentemente, débese aproveitar o período no que as raíñas se mostren activas no exterior para proceder á súa captura, é dicir, durante os meses de abril e maio.

Ademais destes recipientes, os responsables de Protección Civil explicaron que a veciñanza tamén pode “fabricar” estas trampas nas súas casas, simplemente facendo dous buracos non moi grandes nunha botella de plástico (de auga ou algún tipo de refresco). No seu interior, deposítase o líquido que atrae ás raíñas, composto dun litro de zume de arando, ½ litro de viño branco; 4 culleradas de vinagre, mellor de mazá, e unha pinga de deterxente. O líquido deberá cubrir entre dez e quince centímetros. O resto do líquido gárdase na neveira para repolo cada 15 días. Colócase a media altura nunha árbore, principalmente, naqueles polos que teñen unha especial atracción: limoeiros, camelias, cerdeiras etc.

Xa para os meses de verán, xullo e agosto, é necesario confeccionar un recipiente de maiores dimensións, aberto, como, por exemplo, un bidón de pintura, para atrapar ás inquilinas do niño (ás avespas obreiras). Neste caso, úsase outra mestura composta por un litro de auga quente, 4 culleradas de vinagre, ½ litro de mel, e 4 culleradas de alcol etílico. O recipiente colócase no chan. Durante a noite é necesario o uso dun spray especial, que se pode adquirir en comercios de produtos agrícolas, para eliminalas.

Os datos dos trampeos realizados en anos anteriores na contorna dos colmeares e en zonas próximas onde se atoparon niños o ano previo, amosan que a eficacia de captura é maior na contorna dos colmeares. Tamén se observaron diferenzas en canto á eficacia segundo o período de trampeo, a cal foi aumentando co avance da primavera, alcanzándose os valores superiores nos colmeares durante a segunda metade de abril, e nas zonas de niños durante a primeira semana de maio, segundo indicou o concelleiro.