Betanzos sacará a licitación la segunda fase del convento de As Donas

6

O Concello desbloqueou a segunda fase da rehabilitación do convento de As Donas, unha actuación estratéxica para culminar a recuperación dun dos inmobles patrimoniais máis singulares da cidade. Así o anunciou hoxe a alcaldesa, María Barral, quen avanzou que os traballos sairán a licitación nos vindeiros días tras completarse unha longa tramitación administrativa e a supervisión técnica do proxecto.

A alcaldesa explicou que esta segunda etapa resultou especialmente complexa desde o punto de vista técnico e administrativo. “Para esta segunda fase tivemos bastantes problemas. O proxecto tivo que pasar unha supervisión técnica pola envergadura do mesmo e, por fin, despois de bastante tempo, desbloqueouse”, sinalou.

A actuación, cun investimento de máis de medio millón de euros, permitirá completar a rehabilitación do edificio e actuar tamén sobre toda a súa contorna inmediata, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, humanizar o espazo e integrar plenamente o convento na trama urbana. Segundo explicou María Barral, “nos vindeiros días sacaremos a licitación a segunda fase da súa rehabilitación e tamén a urbanización de toda a súa contorna para facela accesible ás persoas con problemas de mobilidade, así como a humanización da beirarrúa e de todos os accesos que ten arredor”.

A rexedora subliñou a relevancia desta intervención para a cidade, xa que permitirá culminar “unha das recuperacións máis importantes destes últimos anos” sobre un edificio “moi emblemático” de Betanzos.Neste sentido, incidiu en que o desbloqueo desta  fase supón un paso decisivo para continuar avanzando na posta en valor do patrimonio local e na recuperación dun espazo chamado a ter un importante papel urbano, social e cultural.

A alcaldesa lembrou tamén que o proceso para poder impulsar esta segunda fase foi longo, ao ser necesario completar diferentes trámites e autorizacións. “Levounos tempo e tamén conseguir todos os permisos, pero por fin poderemos sacalo a contratación”, apuntou.

A segunda fase das obras contará cun investimento de máis de 500.000 euros, financiado a través dun préstamo do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), conseguido polo Concello para poder afrontar esta nova intervención. “Estamos satisfeitos de poder desbloquear o proxecto e de que por fin se poida sacar a contratación”,  amosando ademais o seu desexo de que o proceso avance con axilidade para que o edificio poida estar dispoñible para a veciñanza canto antes.

“Espero que haxa empresas interesadas en facer a obra e que nun tempo máis ou menos reducido os veciños e veciñas poidan xa desfrutar deste edificio emblemático”, concluíu. Esta segunda fase dá continuidade aos traballos xa executados na primeira etapa da rehabilitación, na que se acometeron actuacións de limpeza e eliminación de elementos engadidos, movementos de terra, recuperación de volumes e intervencións de consolidación, ademais de distintos achados arqueolóxicos e construtivos que obrigaron a adaptar e redefinir o proxecto previsto inicialmente.

No que respecta ao edificio, os traballos previstos inclúen a resolución dos accesos respectando os achados do inmoble orixinal; o peche e remate das fachadas do conxunto edificado; a incorporación de carpintarías; e a dotación das instalacións necesarias de fontanería, electricidade, telecomunicacións, iluminación, calefacción, ventilación e protección contra incendios. No exterior, a actuación permitirá avanzar na urbanización da contorna inmediata do convento mediante movementos de terra e escavacións para recuperar a cota orixinal do edificio e mellorar a visibilidade dos restos atopados; a execución de muros de contención nos desniveis existentes entre a edificación e o viario; drenaxes e impermeabilizacións; así como novos solados e pavimentos nos espazos exteriores de paso e estancia, incluíndo un itinerario accesible para todas as persoas, ademais de iluminación e sinalización.