O Concello de Betanzos adhírese, por sexto ano consecutivo, á campaña “Liberdade de Ser e Sentir”, promovida pola Deputación da Coruña con motivo do 28 de xuño, Día Internacional da Diversidade Sexual.
Na súa labor de sensibilización e defensa dos dereitos das persoas LGTBI+, o Concello súmase a esta iniciativa provincial que ten como obxectivo promover o respecto á diversidade afectivo-sexual e de xénero, así como avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, inclusiva e libre de discriminacións.
Baixo o lema “Liberdade de Ser e Sentir”, as administracións locais participantes queren poñer o foco na concienciación da cidadanía para reivindicar o trato igualitario e o respecto por todas as identidades sexuais e de xénero, así como polas distintas formas de amar e de vivir a propia identidade.
A campaña inclúe distintas accións de sensibilización e visibilización destinadas a fomentar valores de respecto, convivencia e igualdade, contribuíndo á normalización da diversidade sexual e de xénero na sociedade.
Dentro desta programación, o domingo 28 de xuño procederase á lectura do manifesto institucional con motivo desta xornada reivindicativa. Ademais, o luns 29 de xuño, desenvolverase a actividade “Universo Diverso”, un espazo de gamificación dirixido á mocidade de entre 14 e 20 anos que terá lugar na aula de usos múltiples dos Servizos Sociais Municipais, ás 11.00 horas.
O Concello de Betanzos anima á veciñanza a participar nas actividades programadas e a sumarse á defensa dos valores de igualdade, respecto e liberdade que inspiran esta campaña, reafirmando o compromiso municipal coa construción dunha sociedade diversa, inclusiva e respectuosa cos dereitos de todas as persoas.












