O Concello inicia unha nova campaña de promoción dos mercados municipais baixo a lema “calidade cerca de ti”

1030

A Concellería de Feiras e Mercados presentou unha nova campaña de promoción dos Mercados Municipais, tanto o situado no centro histórico como os de produtos locais que se realizan na praza dos irmáns García Naveira os martes, xoves e sábados.

A campaña, que se desenvolve baixo a lema “Mercados municipais calidade cerca de ti”, coincide e compleméntase coa da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, “Quere o teu mercado”. O obxectivo de ambas é apoiar, promocionar e visibilizar o papel do mercado, potenciando a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos/as vendedores/as. A promovida desde a Xunta céntrase no mercado municipal do centro histórico mentres que a do Concello integra a promoción tanto destes mesmos postos como os da praza dos irmáns García Naveira.

Ao longo da campaña o Concello repartirá máis de 1500 bolsas coa lema “Mercados municipais calidade cerca de ti” entre a clientela habitual. Trátase dunha bolsa pregable, de diferentes cores (cada unha representa unha froita),  coa que tamén o Concello pretende colaborar nas campañas de eliminación de bolsas de plásticos.

A concelleira de Comercio, Mónica Carneiro, explicou que a campaña forma parte das accións que ao longo do ano desenvolve o Concello para mellorar as condicións do mercado e promocionar os postos. Destacou que comprar  neles é “garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como de boa compra, fomentando o consumo de produtos da comarca”.

A edil lembrou que ademais das campañas, realizáronse durante os últimos anos diversas obras, a última a da  cuberta, unha actuación que no seu momento se considerou urxente tendo en conta o estado de conservación destas zonas da cuberta con rotura de tella e outros síntomas que facía necesario un proxecto de adecuación reforzando o sistema cunhas obras que superaron os 40 000 euros.

Entre outras obras instaláronse portas de acceso automáticas, a colocación de biombos de separación dos postos, instalación de novos toldos nos postos, letreiros indicadores de cada posto, pintado do edificio e ventás de madeira, enriba da medianeira que separaba a zona da froitaría e carnicería coa de peixaría,  renovación da sinalización con carteis indicativos en diversas zonas do centro histórico, todo iso dentro dun programa que ten como obxectivo  “mellorar e impulsar o mercado como acción dinamizadora tamén do centro histórico”, segundo indicou a concelleira de Comercio.