O Concello pecha unha discoteca de Betanzos durante un mes e impón unha sanción de máis de 3000 euros por incumprir horarios

929

O Concello ditou orde de peche da discoteca Iris, situada na rúa Rosalía de Castro, por un período de 28 días e unha sanción económica de 3175 euros como consecuencia dos reiterados incumprimentos do horario de peche. En concreto, o Concello abriu ata dez expedientes por incumprimento de horarios, que acabaron cunha resolución na que se lle comunica ao propietario do establecemento unha falta grave tipificada por incumprimentos en horario, dándolle os prazos legais para a presentación de alegacións ou recursos que non presentou.

Esta situación derivou na Resolución da Alcaldía na que se dita orde de clausura do local, notificación que realizou a Policía Local que procedeu tamén ao precintado. A Policía Local deberá agora manter unha vixilancia do local durante o período de peche tendo en conta que no caso de que o precinto fose levantado deberá porse en coñecemento do Xulgado por se fose motivo dun delito de desobediencia.

Na mesma Resolución dáselle traslado aos servizos de Tesouraría para que procedan a practicar a oportuna liquidación e o cobro da sanción que se eleva a 3175 euros.

O goberno local explicou que se trata dun local que non só acumula varios expedientes senón tamén numerosas queixas veciñais. Xunto a este local, realízase tamén un seguimento doutros establecementos para que cumpran os horarios de peche.

Vixilancia Policía

Por outra banda, a Policía Local mantén dispositivos de vixilancia en diversas rúas da zona da “movida nocturna” despois de que a veciñanza trasladase queixas polo ruído e velocidade de vehículos a distintas horas durante a noite. Nas últimas semanas foron identificados varios condutores, polo que se manterán os dispositivos de vixilancia durante as fins de semana.