O Concello reproducirá a varanda orixinal do estanque do Retiro do Pasatempo, localizada nun pazo de Bergondo

269
A alcaldesa, María Barral, despois de manter unha reunión con representantes da familia do Pazo de Armuño no parque do Pasatempo

O goberno local ten a intención de achegarlle á veciñanza “unha recuperación única” habilitando unha zona de visita ás obras para que comproben como se desenvolven os traballos

O estanque do Retiro do Pasatempo recuperará a súa varanda orixinal. Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, despois de manter unha reunión con representantes da familia do Pazo de Armuño, situado en Bergondo, en cuxa propiedade se localizaron restos da varanda orixinal do estanque e outros elementos, adquiridos pola familia sobre 1950.

A primeira edil destacou a disposición da familia e “a súa colaboración e  xenerosidade” á hora de permitir ao Concello, primeiro, utilizar o tramo de varanda orixinal que ten no pazo para “facer un molde e poder así reproducir a varanda que rodeaba o estanque co deseño orixinal”. Ademais, a familia doará diversas pezas desta propia varanda, que está en desuso no pazo, e outros elementos, para “que sexan repostos no estanque”.

A cesión dunha parte da varanda, unida á posibilidade de reproducir pezas da orixinal xa que non era posible doala ao formar parte do pazo suporá de forma paralela retirar  a “varanda instalada cando se reconstruíu o parque, de forxa e que non ten parecido coa orixinal”.

A alcaldesa destacou, por outra banda,  o avance dos traballos, especialmente no pavillón central, e como “en poucas semanas se aprecia esa mellora substancial nos elementos que o conforman”. Aproveitou para anunciar a intención do Concello de abrir dentro dunhas semanas  “o Pasatempo para que moitos profesionais que trasladaron ao propio Concello o seu interese en poder apreciar o avance dos traballos e a forma na que se están desenvolvendo poidan facelo, algo que en calquera caso se realizará  en coordinación coa empresa que executa os traballos e o equipo de dirección do proxecto.

Neste sentido, a intención é tamén que “as persoas que estean interesadas en poder ver como se realizan as obras, moitas delas betanceiros e betanceiras, poidan facelo, organizando visitas a zonas restrinxidas que permitan ver como se executan os traballos”.

A primeira edil explicou que nunha actuación así, que marcará un antes e un despois no Pasatempo, o Concello pretende tamén que “quede unha lembranza entre aquelas persoas que desexen ver o antes e o despois e que tamén vexan como se executa un proxecto para o que se destinan importantes partidas económicas”.