O Concello reclama que Estradas realice a limpeza urxente das zonas peonís dos viais da súa competencia ante a dificultade para transitar por algúns tramos

157

O goberno local solicitaralle á Demarcación de Estradas a limpeza das beirarrúas das vías que son competencia do Estado, isto é, a antiga N-VI e a N-651, tendo en conta que nalgúns tramos “é imposible transitar” o que obriga aos peóns  e peoas a invadir a calzada coa inseguridade que iso xera”. Nos últimos meses, en varias ocasións, tivo que ser o propio Concello o que tivese que realizar labores de mantemento ao caerse unha árbore ou algunha rama sobre a beirarrúa. No entanto, a maleza que invade algúns tramos “fai que a situación non poida continuar no tempo e por iso é polo que lle pedimos a Estradas que acometa a limpeza canto antes”, explica a alcaldesa, María Barral.

O goberno local está a facer un importante esforzo na renovación e limpeza de viais na zona rural, que son municipais, a través de diferentes programas de actuacións. Ese esforzo e ese programa é “incompatible cunha situación como a que ten algún tramo destas estradas nacionais e que dificulta enormemente que transite a veciñanza. O Concello reclama a limpeza do tramo de N-VI desde Queirís ata As Angustias. “A actuación tería que ser unha actuación integral, exceptuando o tramo máis urbano de beirarrúas. No resto é necesario actuar”, indicou a alcaldesa.  Zonas como a da contorna do colexio de Atocha, A Magdalena ou As Angustias-O Cepiño, son  tramos nos que urxe unha limpeza das zonas peonís.

En similar situación está a estrada que une Betanzos con Ferrol, desde a ponte Vella ata o límite con Paderne, onde é “necesario actuar”, especialmente, en zonas onde “non hai beirarrúas e a maleza invade mesmo a beiravía”.

Xunta

O goberno local tamén se dirixirá á Axencia Galega de Infraestruturas para reclamar de novo “melloras de seguridade” na estrada que une Betanzos con Abegondo, a AC-542. Trátase de varios tramos urbanos que “levan anos esperando actuacións de mellora de seguridade”. O Concello mantén que os datos de sinistralidade da estrada e, de forma especial, as situacións de perigo que se producen diariamente “fan que sexa  necesario que a Xunta dea pasos para actuar”.

Entre estas melloras, o Concello insiste no proxecto de mellora viaria sobre a ponte do ferrocarril en Infesta, lugar no que se produciron varios atropelos e accidentes; a rotonda para regular o tráfico no cruzamento de Montellos; continuidade de beirarrúas na zona de Piadela-Guiliade; e declarar travesía urbana o tramo de Guiliade para así limitar a velocidade de 70 km/h a 50km/h, algo ao que ata agora a Xunta se negou a considerar, en contra da opinión do goberno local.