O goberno local levou a Pleno a aprobación de constitución da “Comunidade Enerxética do Carregal-Betanzos I”, un proxecto que representa unha aposta clara e decidida do Concello por avanzar nun novo modelo enerxético: máis sostible, máis participativo e máis beneficioso para a cidadanía.
O trámite plenario preséntase logo de meses de traballo, con xuntanzas participativas, nas que o Concello explicou a cídadanía o proxecto para que veciños/as, empresas e comercios poidan ter un instrumento para reducir a súa factura de consumo eléctrico, “utilizando as enerxías renovables e, ao mesmo tempo, impulsar un modelo máis sustentable con enerxías renovables e mellorar así a eficiencia enerxética de edificios e instalacións”.
Esta Comunidade Enerxética supón un modelo de autoconsumo compartido, no que o Concello cede o uso das cubertas de tres instalacións deportivas municipais —a piscina, o polideportivo e a pista exterior do Carregal— para xerar enerxía solar fotovoltaica. A enerxía xerada abastecerá a varios edificios públicos e poderá ser compartida con veciños, veciñas, autónomos e pequenas empresas que decidan sumarse á iniciativa.
A figura elixida para esta comunidade enerxética, segundo explicou o concelleiro de Infraestructuras, Andrés Hermida, “é a dunha asociación sen ánimo de lucro, na que o Concello terá un papel impulsor e garante. Estamos a falar dunha fórmula aberta, flexible e adaptada ao noso territorio. Unha ferramenta que nos permitirá optar a subvencións e fondos europeos, mellorar a eficiencia enerxética dos nosos servizos públicos, reducir custos eléctricos e implicar á veciñanza na xeración de enerxía limpa e propia”.
A constitución da Comunidade Enerxética do Carregal–Betanzos I é unha asociación sen ánimo de lucro, sen patrimonio inicial, e na que o Concello participará sen que se active ningún mecanismo de financiamento nin de inversión pública. Lonxe de xerar gasto, o minorará.
Ademais, o proxecto inclúe mecanismos de control democrático, acceso aberto e participación social, así como a posibilidade de que persoas en situación de vulnerabilidade poidan beneficiarse da enerxía xerada a través da intervención dos servizos sociais municipais. É dicir, é un proxecto solidario, sostible e inclusivo.
Con todo, ao tratarse dunha comunidade enerxética, abriríase un proceso para que formasen parte dela particulares e empresas que estivesen interesadas.
Por lei, desde O Carregal abarcaríase un radio de 2000 metros para cubrir a todos aqueles particulares e empresas que se quixesen adherir á comunidade. Outro dos obxectivos que o goberno local persegue con esta comunidade é que familias con menos recursos poidan ter beneficios a través do Concello como principal axente e impulsor do sistema.
Tamén o centro histórico entraría dentro da zona de influencia do sistema de paneis fotovoltaicos co que “moitas persoas particulares terían unha alternativa ante as dificultades de colocar agora mesmo paneis nas súas vivendas pola protección das edificacións”. En todo caso, o proxecto recollerá nun futuro, esa é a intención, outras fases e outras comunidades “para darlle cobertura a máis zonas da cidade que non entrarían no radio de dous quilómetros marcados por Lei”.









