A Xunta de Goberno Local aprobaron a licitación das obras de restauración e conservación do estanque do Retiro do Pasatempo, a primeira actuación do plan de recuperación que impulsa o Concello. Trátase das primeiras obras incluídas no convenio asinado entre o propio Concello e a Deputación, que prevé un investimento de 750 000 euros.
As obras terán un custo de 524 929 euros e a súa duración prolongarase por espazo de 15 meses. Tendo en conta a complexidade das actuacións, o prego recollerá unha serie de requisitos para o contratista que deberá de ser unha empresa especializada na área de restauración e rehabilitación, que deberá acreditar a súa solvencia técnica cunha relación de obras executadas no últimos cinco anos, avaladas con certificados de boa execución.
A alcaldesa, María Barral, explicoulle tras a Xunta de Goberno Local que “aínda que a intención do Concello era poder sacar a licitación os traballos antes, o certo é que os trámites administrativos e económicos para preparar a licitación xunto á redacción do propio proxecto, que foi complexa, levou a que todo este proceso leva máis tempo do esperado, ao que houbo que sumar os procesos establecidos para a súa autorización”.
A alcaldesa destacou o papel “fundamental” que neste proceso tivo e ten a Deputación “co seu presidente á fronte, que desde o primeiro minuto se implicou para destinar ao Pasatempo unha partida que entendemos moi importante e que permite iniciar un proceso de recuperación, por fases, que sen a súa achega sería imposible”. Barral insistiu de novo en que “a colaboración da Xunta non pode limitarse á redacción do plan director senón que debe achegar unha cantidade económica, como mínimo, similar á Deputación, tendo en conta que, ademais, é un Ben de Interese Cultural”.
O proxecto ten como obxectivo conseguir que todos os elementos arquitectónicos do estanque poidan ser percorridos polo público para o seu coñecemento e goce, e sexan seguros desde o punto de vista funcional e estrutural e adecuados desde o punto de vista estético; á vez de intervir no material escultórico para a súa estabilización e conservación, evitando en xeral completar as pezas deterioradas, propondo cinguir a reintegración volumétrica a aqueles elementos que resulten perturbadores para o ollo do espectador, e para conseguir que se facilite a lectura escultórica.
Os criterios xerais desta primeira fase da actuación será asegurar ou reforzar os elementos estruturais, que presenten risco de caída, derrubamento ou alteración significativa; unicamente despois de asegurar esta e calquera outro con especiais requirimentos estruturais, procederase á intervención da restauración sobre os elementos decorativos.
Un exemplo claro desta metodoloxía, segundo indicou a alcaldesa, sería o da columna gretada do fornelo; unicamente despois de resolver o problema de apoio do fornelo, e para iso vai ser necesario proceder á desmontaxe, arranxo e posterior recolocación da columna, restauraranse as diferentes partes superficiais da columna.
Destacou que, con base ao proxecto técnico, procurarase que os materiais a empregar sexan do mesmo tipo que os utilizados na obra orixinal, mais diferenciándose en cor ou textura, para deixar explícito, cal é o orixinal e cal é a reconstrución implementada. Soamente se achegará novo material cando as necesidades estruturais, funcionais, ou de comprensión, o recomenden. Dada a variedade da intervención en cada peza, ou conxunto, requirirá dunha metodoloxía singular.