O Concello inaugurou o pasado martes 7 de xullo, o Mercado Municipal, un dos proxectos estratéxicos máis importantes para a recuperación do casco histórico e para o impulso da actividade económica, comercial e turística da cidade.
Tras unha rehabilitación integral, o edificio reabre as súas portas convertido nun espazo moderno, sostible e funcional que combina a esencia dos mercados tradicionais cun novo concepto no que conviven o comercio de proximidade, a gastronomía e a actividade social.
A actuación foi financiada con 1,4 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través dos fondos europeos Next Generation, aos que se suma un importante esforzo inversor do Concello, que achegou preto de 800.000 euros para facer realidade un proxecto chamado a converterse nun referente para a cidade e para toda a comarca.
A intervención permitiu a rehabilitación e recuperación integral do inmoble, distribuído en tres plantas, recuperando a configuración arquitectónica orixinal e poñendo en valor as súas características espaciais. Elimináronse elementos incorporados en intervencións anteriores para devolverlle a amplitude ao edificio e mellorar a entrada de luz natural, ao tempo que se incorporaron solucións arquitectónicas actuais que garanten a accesibilidade, a eficiencia enerxética e a sustentabilidade. O uso predominante da madeira e doutros materiais cálidos contribúe a crear un espazo acolledor, contemporáneo e plenamente integrado coa identidade histórica do mercado.
O novo Mercado Municipal conta con doce postos de hostelaría, pescadería, panadería, e carnicería, distribuídos entre a planta baixa e a primeira planta, todos eles equipados con zonas de almacenamento e as instalacións necesarias para o seu funcionamento. Na planta superior habilitouse unha ampla zona de restauración. Todo elo convertirá o edificio nun punto de encontro aberto á cidadanía e aos visitantes ao longo de toda a xornada.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, destacou que a apertura do novo Mercado Municipal representa “un antes e un despois” para o futuro do casco histórico. “O resultado é moi satisfactorio porque conseguimos recuperar un edificio emblemático mantendo toda a súa esencia, pero adaptándoo ás necesidades do século XXI. Este mercado conserva a identidade de Betanzos e convértese nun espazo moderno, sostible, inclusivo e preparado para responder ás demandas actuais do comercio e da hostalaría”, sinalou.
Barral destacou que o novo mercado nace coa vocación de converterse nun auténtico dinamizador da cidade. “Queremos que sexa moito máis ca un mercado. Queremos que sexa un lugar de encontro, un espazo vivo onde convivan o comercio, os produtos da nosa terra, a gastronomía e a vida social. Será un motor para o casco histórico, un lugar que xere actividade, emprego e novas oportunidades para emprendedores”.
A rexedora incidiu en que esta actuación forma parte dunha estratexia máis ampla para revitalizar o centro histórico. “Estamos convencidos de que este proxecto contribue a facer do casco histórico un lugar cada vez máis atractivo para vivir, investir e visitar. O mercado servirá como nexo entre as diferentes zonas comerciais e de lecer da cidade, e estou segura que favorecerá a implantación de novos negocios e reforzará a imaxe de Betanzos como referente gastronómico e patrimonial.”
A alcaldesa agradeceu tamén o apoio das administracións que fixeron posible esta actuación e destacou o esforzo realizado polo Concello para completar o financiamento. “Os fondos europeos Next Generation permitiron impulsar este gran proxecto, pero tamén foi necesaria unha importante achega municipal de preto de 800.000 euros porque o Concello tiña claro que investir na recuperación do Mercado Municipal era investir no futuro de Betanzos.”
O Concello confía en que este novo espazo se consolide nos vindeiros anos como un referente en Galicia, contribuíndo á revitalización do centro histórico e reforzando a posición de Betanzos como destino comercial, gastronómico e turístico de referencia.












