Betanzos convertido de novo en escenario histórico coa súa Feria Medieval

40
FEIRA MEDIEVAL 2026 PRESENTACION 8-xullo-2026

O Concello presentou a programación da XXVII Feira Franca Medieval, que se celebrará dende o próximo venres e que converterá novamente o casco histórico da cidade nun gran escenario de recreación medieval, con arredor de 140 postos de artesanía e alimentación, recreacións históricas, espectáculos e unha intensa programación de actividades para todos os públicos.

Durante a presentación, a alcaldesa, María Barral, destacou que a Feira Medieval “é moito máis ca unha festa; é unha celebración da nosa historia, do noso patrimonio e da nosa identidade como cidade”. Sinalou ademais que se trata “dun dos grandes referentes das feiras medievais de Galicia e dun evento plenamente consolidado, que cada ano atrae milleiros de visitantes e contribúe de maneira moi importante á dinamización económica e turística de Betanzos”.

A rexedora lembrou que nesta edición o Concello recibiu máis de 350 solicitudes para participar no mercado medieval, unha cifra que volve demostrar o prestixio alcanzado pola Feira. Por razóns de espazo, seguridade e conservación do casco histórico, instalaranse finalmente arredor de 140 postos, aos que se sumarán asociacións locais, comerciantes e espazos gastronómicos distribuídos polas principais rúas do centro histórico.

A programación desenvolverase durante tres intensas xornadas nas que a cidade recuperará o ambiente da antiga vila medieval a través de recreacións históricas, música, teatro, espectáculos itinerantes, exhibicións, animación de rúa e actividades infantís.

A apertura oficial terá lugar o venres coa chegada do señor de Andrade á praza da Constitución e a lectura do pregón, que este ano correrá a cargo de Elena Díaz Blanco, directora da Escola Municipal de Folclore de Betanzos e do grupo Azougue desde a súa creación hai corenta anos. Será a continuación cando a alcaldesa proceda á apertura oficial da XXVII Feira Franca Medieval.

Ao longo da fin de semana sucederanse algunhas das escenas máis emblemáticas desta celebración, como a chegada dos mouros á cidade, a recreación da Revolución Irmandiña, a representación da expulsión dos leprosos, o tradicional torneo medieval a cabalo ou as danzas nobres, campesiñas e mouras que acompañarán os distintos actos.

O programa completarase con actuacións musicais, teatro de rúa, malabaristas, espectáculos de lume e pirotecnia, cetraría, exhibicións de tiro con arco, obradoiros de oficios tradicionais, animación permanente e un amplo espazo infantil, garantindo actividades continuadas durante toda a fin de semana.

A alcaldesa puxo tamén en valor o importante traballo organizativo que require un evento destas características e agradeceu a implicación do persoal municipal, dos distintos departamentos do Concello, da Policía Local, Protección Civil, Cruz Vermella, servizos de emerxencias, asociacións, colectivos, entidades colaboradoras e das numerosas persoas voluntarias que participan activamente nas representacións e na organización da Feira.

Así mesmo, tivo palabras de recoñecemento para os veciños e veciñas de Betanzos que cada ano se implican nesta celebración, decorando as rúas e os establecementos, vestindo traxes de época e contribuíndo a crear unha ambientación que converte a Feira Franca Medieval nunha das máis recoñecidas de Galicia.

A rexedora agradeceu igualmente a colaboración das empresas que continúan apoiando esta cita cultural, facendo unha mención especial aos patrocinadores habituais da Feira, Gadisa, Coca-Cola e Estrella Galicia, polo seu compromiso coa cidade e cun evento que contribúe á promoción turística e cultural de Betanzos.

FEIRA MEDIEVAL 2026
PRESENTACION
8-xullo-2026

Por último, a alcaldesa convidou á cidadanía e aos visitantes a participar nesta nova edición da Feira Franca Medieval, animándoos a percorrer as rúas do casco histórico, descubrir o patrimonio da cidade e gozar dunha programación “pensada para todas as idades e que fai de Betanzos, durante tres días, unha auténtica viaxe á Idade Media”.