O Pasatempo, protagonista do cartel das festas do San Roque de Betanzos

1637

A alcaldesa en funcións, María Barral, e o concelleiro de Festas, Diego Fernández, presentaron o cartel das festas do San Roque, deseñado polo debuxante Xosé Tomás. Baixo a lema “Moito máis que festas”, o cartel fai unha homenaxe ao Pasatempo e ao león que o preside no último nivel do parque enciclopédico. Xunto ao león, vese unha familia durante a súa visita ao parque e, na parte superior, o símbolo das festas, o globo de papel máis grande do mundo, que se lanzará o día 16 de agosto.

A alcaldesa en funcións destacou que o programa das festas volverá ser un “programa dirixido a todas as idades, con actividades culturais, deportivas e sociais, en que a música volverá ser a gran protagonista nos seus diferentes estilos; e onde a tradición volverá estar presente coas xiras aos Caneiros, o Globo, a función do voto ou a coroación da raíña e o pregón, por conta do maxistrado Antonio Fraga Mandián”.

O primeiro concerto será o día 14 coa actuación de Dani Fernández, Ana Mena, Reyko, Ana Guerra e Aitana. Dez días despois, o día 24, terá lugar o outro concerto das festas, o de Café Quijano.

A programación musical completarase coas orquestras. O programa contará con Los Satélites, o día 15; Dilema, o día 16; a orquestra La Favorita, o día 18; Panorama, o 21 de agosto; e a orquestra Eivissa, o día 25. As actuacións terán lugar na Praza dos Irmáns García Naveira. As horas de inicio serán o día 15 de agosto ás 23:00 h; o 16 ás 22:30 h; o 21 ás 22:30 h e os días 18 e 25 ás 23:30 h.

Tamén haberá música tradicional galega coa presenza da Roda o día 17, ademais da homenaxe a un dos grupos máis importantes do panorama musical de todos os tempos, Queen, coa banda ferrolá McKuin. A quenda para a música clásica será o día 20 no claustro do Museo das Mariñas con Azahar Ensemble, un quinteto internacional que ofrecerá obras de Mozart e Beethoven, do que forma parte o músico betanceiro Antonio Lagares Abeal.

O Globo, o día 16, e as xiras aos Caneiros, o 18 e o 25, completarán o programa na parte tradicional coa función do voto o día 16 e a coroación das raíñas, maior e infantil —Sandra Sánchez Gómez e Zaira Bascoy Raposo, respectivamente—, os días 14 e 15. O pregoeiro infantil será Mateo Río Pérez.