
O Concello celebrou o pasado mércores, 12 de novembro, a Mesa Local de Coordinación Fronte á Violencia de Xénero, na que se fixo unha análise da situación dos casos de violencia de xénero, da campaña municipal polo 25N, dos datos dos puntos violeta deste ano e de aspectos de coordinación entre Policía Local e Garda Civil.
Nestes momentos, Betanzos ten 46 casos activos de violencia de xénero, o que representa o 1,64 % do total da provincia. Eses casos implican 43 vítimas e 46 autores. Do total de vítimas, 33 están en risco baixo con orde de protección, e nestes momentos non hai casos catalogados en risco alto ou extremo. Dos 46 casos abertos, 7 deles sucederon ao longo deste ano 2025.
A alcaldesa, María Barral, explicou que o Concello seguirá reforzando as políticas de apoio ás mulleres que continúan sufrindo este tipo de violencia, cos medios dos que dispón a administración local e “tendendo a man ao resto de administracións para seguir loitando contra esta lacra social”.
Durante a mesa tamén se deron a coñecer os datos dos puntos violeta que se instalaron na Feira Medieval e nas festas patronais, cos que o Concello pretende implicar o conxunto da sociedade na loita contra a violencia machista e estender, de forma masiva, a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra ás mulleres.
En total atendéronse 508 persoas, das que o 57 % pediu información sobre recursos e servizos en materia de violencia; outro 32 % das persoas participou en actividades de sensibilización; un 10 % interesouse por diferentes materiais de sensibilización e un 1 % empregou o punto para comentar algún caso concreto.
Os obxectivos desta mesa de traballo son a promoción de políticas e para a erradicación da violencia de xénero con actuacións para mellorar a detección precoz de casos; a coordinación de axentes, actuacións e recursos implicados na loita contra a violencia de xénero; ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas; mellorar a protección das vítimas de alto risco e sensibilizar a poboación na materia.










