Concello e Patrimonio mantiveron onte unha nova reunión de traballo para avanzar en distintos aspectos relacionados co proxecto de rehabilitación do parque do Pasatempo. A alcaldesa, María Barral, reuniuse en Santiago coa directora  xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, e técnicos deste departamento para analizar diversos aspectos relacionados co parque enciclopédico e deseñar unha “folla de roteiro” sobre os pasos e actuacións que se darán da man entre as dúas administracións para avanzar nun obxectivo común: a recuperación do parque.

A alcaldesa entregou a Patrimonio o proxecto de recuperación do estanque, elaborado por un equipo multidisciplinar de arquitectos e restauradores, para que agora sexa informado e poder sacar a licitación as obras canto antes.

As actuacións inclúen un investimento superior aos 400.000 euros e realizaranse con cargo ao acordo ao que chegou no seu día o  Concello e a Deputación mediante o cal ambas as administracións habilitaron partidas que suman 750.000 euros para a execución de obras no parque.

A primeira edil solicitou a Patrimonio que se axilicen agora as autorizacións para que os traballos sexan contratados canto antes e iniciar así unha primeira actuación “importante no parque á que se sucederán novos proxectos para mellorar aquelas zonas que requiren unha actuación máis urxente”.

María Barral destacou a colaboración e disposición da dirección  xeral de Patrimonio de “ir da man co Concello en todos os pasos que teñamos que dar. É dicir, establecer unha colaboración directa entre as dúas administracións para programar, primeiro as actuacións máis necesarias e logo deseñar un plan director que contemple os traballos necesarios a medio e longo prazo”.

Previamente, tamén se pretende realizar unha estudo/diagnóstico da “situación  real das instalacións xa que en moitos aspectos, antes de actuar sobre os elementos, será necesario facer un estudo exhaustivo e preliminar de materiais, composicións, estruturas….”. A alcaldesa mostrou, neste sentido, a súa “satisfacción porque se abriu unha  vía de máximo entendemento e  colaboración, cunha folla de roteiro na que daremos pasos conxuntamente”.

Barral explicou que por parte de Patrimonio, segundo trasladoulle a súa directora  xeral,  axilizarase tamén a declaración de BIC co fin de que poida estar finalizada para o primeiro trimestre do próximo ano.