Barral reclama á Xunta que amplíe o Plan Rexurbe e retome a compra de inmobles no casco histórico para aumentar a oferta de vivenda pública

79

A alcaldesa María Barral, reclamoulle á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que a Xunta continúe impulsando o Plan Rexurbe na cidade e retome a adquisición de inmobles no casco histórico para a súa rehabilitación e posterior incorporación ao parque público de vivenda en réxime de alugueiro.

Barral trasladoulle esta petición á conselleira durante o acto de entrega de dúas novas vivendas rehabilitadas pola Xunta en Betanzos, no que ambas mantiveron unha conversa na que a rexedora insistiu na necesidade de dar continuidade a un programa que considera fundamental tanto para facilitar o acceso á vivenda como para avanzar na recuperación e revitalización do centro histórico.

A alcaldesa lembrou que a demanda de vivenda segue a medrar e que os inmobles incorporados ao Plan Rexurbe demostraron a eficacia dunha fórmula que permite, ao mesmo tempo, recuperar patrimonio arquitectónico e crear novas oportunidades de acceso á vivenda. Por iso, solicitou que a Xunta amplíe o seu ámbito de actuación e explore a adquisición de inmobles noutras rúas do casco histórico, máis alá das zonas nas que se concentraron as últimas convocatorias.

“É necesario que a Xunta dea un novo impulso a este programa. Hai inmobles e propietarios interesados en participar e existe unha demanda real de vivenda que require seguir aumentando a oferta pública dispoñible”, sinalou a alcaldesa.

María Barral lembrou as oportunidades que se abrirán en Betanzos coa próxima aprobación do novo PXOM, un documento que permitirá planificar o crecemento urbanístico da cidade e habilitar novos espazos para a creación de vivenda. Neste sentido, a rexedora destacou a intención do Concello de reservar solo para promover vivenda pública, unha liña de actuación que se verá reforzada polos terreos que pasarán a mans municipais a través do acordo alcanzado coa Sareb e que tamén estarán destinados á creación de vivenda de promoción pública.

A alcaldesa defende a necesidade de que todas as administracións traballen de maneira coordinada para incrementar o parque público residencial e dar resposta ás dificultades de acceso á vivenda. “O Concello está facendo os deberes, planificando o futuro a través do PXOM e xerando novas oportunidades de solo para vivenda pública. Agora é importante que a Xunta manteña o seu compromiso con Betanzos e continúe apostando por programas como o Rexurbe, que teñen demostrado a súa utilidade para a cidade”, indicou.