Betanzos ultima os preparativos da Feira Medieval que terá lugar dentro dun mes e para que o Concello recibiu más de 350 solicitudes para postos

5

Betanzos ultima os preparativos da XXVII edición da Feira Franca Medieval, que se celebrará dentro dun mes, como é tradición, durante a segunda fin de semana de xullo. A organización traballa xa nos últimos detalles dunha cita que volverá converter o casco histórico nun gran escenario medieval.

O interese por participar na feira continúa sendo moi elevado. O Concello recibiu algo máis de 350 solicitudes para instalar postos de venda, unha cifra similar á rexistrada nas últimas edicións.

As características do casco histórico, as dimensións das rúas e as medidas de seguridade previstas fan que o número de postos se limite a 140. A comisión técnica xa valorou as solicitudes presentadas polos profesionais interesados en participar na feira. Como en anos anteriores, tívose en conta aspectos como a traxectoria dos solicitantes e o cumprimento da normativa por parte de quen xa participou en edicións anteriores.

Así mesmo, o Concello reservará espazos para asociacións locais, postos de gastronomía e comerciantes con establecementos nas rúas incluídas no percorrido da feira.

En canto á distribución, os postos volverán instalarse nas mesmas rúas que acolleron a feira nas últimas edicións, entre elas Porta da Vila, rúa do Castro, praza da Constitución, Santiago, Roldán, Pescadería, praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María e San Francisco, entre outras.

Paralelamente, o Concello traballa na configuración das distintas actividades complementarias que acompañarán o mercado medieval e que, xunto coa animación de rúa e as representacións históricas, volverán encher de ambiente o casco histórico durante toda a fin de semana.