O Concello adopta medidas de seguridade despois de que o persoal técnico de Patrimonio examinase a zona do quiosco do Pasatempo que se desprendeu

832

O persoal técnico de Patrimonio xunto ao persoal técnico municipal revisou o desprendemento que sufriu unha parte do quiosco do Estanque do Pasatempo despois de que o goberno local comunicase a situación na que se atopaba e pedise a presenza, o máis axiña posible, do persoal técnico da Xunta. Tras unha valoración e tendo en conta as previsións meteorolóxicas das próximas horas, decidiuse tomar diversas medidas de urxencia para protexer a zona.

Entre elas, colocaranse sacos de area para sustentar os elementos exteriores do quiosco, ademais de tapalo cunha lona nas zonas onde hai gretas. Entre medias, redactarase unha proposta técnica de consolidación do propio quiosco que se realizará unha vez está autorizada por Patrimonio. A recuperación do estanque e todo o seu conxunto determinarase no proxecto de recuperación integral da zona histórica que redactará Patrimonio.

O desprendemento desta parte do quiosco, que contiña a representación dun barco, produciuse onte coincidindo cos labores de baleirado da auga do estanque. Estes traballos realizábanse por mor das indicacións realizadas polos persoal técnico que redactou o anteproxecto de recuperación do parque e que, entre outras cuestións, expuxeron o apontoamento do quiosco e a adopción de medidas de seguridade, mentres non levaban a cabo os traballos de recuperación deste.

Entre eses traballos figuraba o apontoamento do quiosco, que xa se realizou, e diversas actuacións como o selado dalgunha greta.

A zona permanece pechada desde onte despois de que se producise o desprendemento e o Concello informase da situación á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que o seu persoal técnico avaliase a situación e lle indicase ao Concello as medidas para tomar con carácter urxente, tendo en conta que é a Xunta, ao iniciarse a tramitación do expediente para declaralo Ben de Interese Cultural, a que pola Lei de patrimonio cultural de Galicia, debe establecer e autorizar calquera actuación.

A partida destinarase agora a realizar os traballos que, segundo Patrimonio, haxa que realizar no quiosco.

O goberno local anunciou nos últimos días a súa intención de presentar emendas aos orzamentos da Xunta para que se inclúa unha partida para o Pasatempo que complete o investimento de 750 000 euros comprometida polo Concello e a Deputación Provincial a través dun convenio. O feito de non contar co proxecto técnico desde un principio atrasou a sinatura do convenio, aínda que o compromiso da Deputación co Concello mantense inalterable. Nos últimos días completouse diversa documentación polo que se agarda que a sinatura poida ser efectiva en breve. A partir de aí espérase que a Xunta dispoña dunha partida importante tamén para completar este investimento inicial de 750 000 euros.