A alcaldesa trasládalle ao xefe territorial de Mobilidade as queixas das persoas usuarias do servizo de transportes sobre os atrasos nas liñas e a desinformación.

283

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, reuniuse o pasado venres coa xefatura territorial de Transportes da Xunta para dar traslado das queixas que lle chegaron á Administración local por parte de persoas usuarias do servizo.

Principalmente, as incidencias que poñen de relevancia as e os usuarios teñen que ver cos atrasos nas liñas e a falta de información sobre a periodicidade dos traxectos, botando en falta algún sistema que alerte dos horarios exactos das conexións.

Nas últimas semanas apreciouse un incremento “exponencial” destes problemas cos autobuses, e desde o Concello tense constancia de que moitos destes afectan ás traballadoras e traballadores do CHUAC, o hospital da Coruña, que coas novas liñas da concesionaria non coinciden coas quendas de entrada e saída, e provócanlles así unha “serie de problemas” á hora da súa organización diaria, sinalando especialmente “as fins de semana”, cando “irremediablemente temos que adiantar os nosos horarios de saída e aínda así hai veces que non alcanzamos ningún autobús”, co consecuente problema “para volver a casa despois da xornada laboral”, alertan.

Desde a Xunta de Galicia comprométense a dar solución a estes problemas, á vez que sinalan que “se instalará nos próximos meses un panel informativo para alertar ás usuarias e usuarios de periodicidade das frecuencias”, sinalou o xefe territorial, a quen a alcaldesa lle agradeceu “a disposición e compromiso coa cidadanía de Betanzos”.