A Condesa, o primeiro barrio que acolle a exposición do 800 aniversario despois de que estivese na praza dos Irmáns García Naveira desde o 13 de febreiro

1194
Iníciase así un programa que levará a mostra a todos os barrios da cidade e as parroquias do municipio

O Concello instalou no barrio da Condesa a exposición do 800 aniversario do traslado de Betanzos desde Tiobre ao actual centro histórico. Será o primeiro barrio no que se expoña esta mostra que recolle os feitos máis significativos de Betanzos do últimos oito séculos. A idea do goberno local é que a exposición sexa de carácter itinerante e “estea presente en todos os barrios da cidade e nas distintas parroquias”. O obxectivo é facer partícipe a toda a veciñanza desta celebración.

A alcaldesa, María Barral, visitou nos últimos días A Condesa onde se reuniu coa veciñanza para analizar diversas actuacións que levan a cabo no barrio centradas na mellora de viarias, zonas peonís e seguridade viaria. Entre as actuacións, o Concello acaba de limitar a velocidade a 30 quilómetros por hora na rúa As Mariñas, unha das principais vías de acceso á urbanización, un límite que se completará coa elevación de pasos peonís non só nesta rúa senón noutras zonas onde ” a veciñanza trasladou queixas por excesos de velocidade, que foron comprobadas tamén pola Policía Local”.

A primeira edil explicou que se trata dun núcleo de poboación moi importante, onde debe primar a seguridade peonil por encima de todo polo que “ademais de crear esta zona 30 poranse en marcha outras medidas desde a concellaría de Tráfico”. Xunto a esta mellora, o Concello executou diversas actuacións no pavimento peonil, coa reposición de lastros; no mobiliario urbano; nos rexistros da rede de saneamento e no mobiliario urbano.

María Barral anunciou tamén outras melloras en xardinaría e na pista polideportiva, na que xa se fixo un importante investimento, e na que se arranxarán as portarías “despois de que sufrisen diversos danos”.

Viarios municipais

Xunto con estas obras, execútanse tamén a mellora de viarias municipais da zona rural, nas parroquias de Tiobre, Pontellas, Piadela e Requián, que forman parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais da Magdalena, Touriñao, Castro, Illobre, Vila de Suso, Guiliade, Infesta e Xanrozo. Trátase de camiños moi utilizados, permitindo nuns casos o acceso directo aos núcleos desde estradas autonómicas e provinciais e noutros a comunicación entre os distintos lugares do propio núcleo. Os camiños incluídos no proxecto son os de Touriñao de Abaixo, Touriñao de Arriba, Lamadaqueira, Castro, Xanrozo-Baiuca; Infesta-Xanrozo, ademais de varios en Vila de Suso, en Guiliade, e Infesta.