O Festival Vai de Rúa encherá Betanzos de teatro, circo e espectáculos familiares do 24 ao 26 de xullo

48

O Concello de Betanzos celebrará do 24 ao 26 de xullo a undécima edición do Festival de Artes Escénicas na Rúa “Vai de Rúa”, unha cita xa consolidada na programación cultural do verán que achegará teatro, circo e espectáculos para todos os públicos a distintos espazos da cidade, todos eles con entrada libre.

A programación comezará o venres 24 de xullo, ás 20.30 horas, con “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”, da compañía Troula Animación, un espectáculo itinerante que percorrerá diferentes rúas de Betanzos. Esta actuación forma parte do programa Cultura no Camiño 2026, impulsado pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

 

 

O sábado 25 de xullo desenvolverase a xornada con tres propostas para todos os públicos. Ás 13.00 horas, a Alameda José Veiga Roel acollerá “As aventuras de Jazzy e Blusy”, da compañía Gallaecia Eventos, tamén incluída no programa Cultura no Camiño. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, a praza da Constitución será o escenario de “Monte”, de Laboratorio Escénico, e ás 21.00 horas chegará “5.0”, de Sue Moreno, espectáculo que tamén forma parte do programa Cultura no Camiño.

O festival pecharase o domingo 26 de xullo con dúas representacións. Ás 13.00 horas, na Alameda José Veiga Roel, poderá gozarse de “Charlatán Rodríguez”, da compañía Rendos Pequeno, dentro do programa Cultura no Camiño. Como broche final, ás 21.00 horas, a praza da Constitución acollerá “Enredos”, da compañía A Vela Circo, espectáculo integrado na Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O Festival Vai de Rúa está organizado polo Concello de Betanzos, coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais, da Deputación da Coruña e da Rede Cultural, consolidándose como unha das principais citas culturais do verán na cidade e convertendo as rúas e prazas en escenarios abertos para o desfrute da veciñanza e das persoas visitantes.

Programación

Venres, 24 de xullo

  • 20.30 hO estraño caso do dentista da rúa Brasov (Troula Animación). Diferentes rúas da cidade.

Sábado, 25 de xullo

  • 13.00 hAs aventuras de Jazzy e Blusy (Gallaecia Eventos). Alameda José Veiga Roel.
  • 20.30 hMonte (Laboratorio Escénico). Praza da Constitución.
  • 21.00 h5.0 (Sue Moreno). Praza da Constitución.

Domingo, 26 de xullo

  • 13.00 hCharlatán Rodríguez (Rendos Pequeno). Alameda José Veiga Roel.
  • 21.00 hEnredos (A Vela Circo). Praza da Constitución.

Entrada libre en todos os espectáculos.