O Concello finaliza os traballos de mellora da seguridad vial e iluminación na praza García Naveira

59

O Concello vén de finalizar as actuacións de mellora da iluminación e da seguridade viaria na contorna da praza García Naveira, unha intervención que permitiu reforzar a visibilidade dos pasos de peóns e poñer en valor un dos espazos máis emblemáticos da cidade coa renovación da iluminación na zona dos Soportais.

No que respecta á seguridade viaria, instaláronse novos sistemas de iluminación intelixente en varios pasos de peóns da contorna da praza García Naveira e da avenida de Castela. Estes pasos incorporan tecnoloxía LED de alta eficiencia, sensores de presenza e sistemas luminosos de advertencia que permiten detectar a presenza de peóns e reforzar a súa visibilidade, especialmente durante a noite ou en condicións meteorolóxicas adversas.

A actuación incluíu a creación dun novo paso de peóns na avenida de Castela e a reubicación do paso existente no cruzamento dos Anxeles, que foi desprazado varios metros cara á fonte da Diana Cazadora co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e ofrecer unha maior visibilidade tanto para os peóns como para os condutores.  Ademáis, o paso  situado nas inmediacions do estanco foi renovado e transformado nun paso de peóns elevado, favorecendo unha maior protección das persoas viandantes.

Estas actuacións contribúe a reducir os riscos nos cruzamentos e a mellorar a convivencia entre vehículos e peóns nunha zona que rexistra unha importante afluencia de persoas ao longo de todo o ano.

Na mesma contorna tamén se contemplan traballos de mellora do mobiliario urbano, coa renovación e acondicionamento dos bancos de madeira situados ao longo das terrazas de hostalaría dos Soportais, contribuíndo a facer deste espazo un lugar máis cómodo e agradable para o seu uso e desfrute pola veciñanza.

Paralelamente, completouse a renovación da iluminación dos Soportais, e o seu entorno cun novo sistema de luminarias LED que mellora notablemente a luminosidade deste espazo histórico. A actuación permite realzar a arquitectura tradicional da contorna e os característicos arcos de pedra da praza, ao tempo que incrementa a sensación de seguridade e confort para os peóns.

A alcaldesa, María Barral, destacou que “seguimos avanzando na modernización dos espazos públicos da cidade con actuacións que melloran a calidade de vida da veciñanza, reforzan a seguridade e contribúen a poñer en valor o noso patrimonio urbano”. A rexedora subliñou que estas actuacións complementan outras intervencións realizadas recentemente na mesma contorna, como a posta en valor da fonte da Diana Cazadora e a mellora do mobiliario urbano.

Coa finalización destes traballos, o Concello continúa desenvolvendo actuacións orientadas a crear unha cidade máis segura, accesible e amable para os peóns, apostando por solucións sostibles e eficientes que melloran tanto a funcionalidade como a imaxe urbana de Betanzos.