A Xunta de Goberno aproba a licenza de obra para que o propio Concello execute os traballos para levantar a Casa Gótica

302

A Xunta de Goberno local aprobou concederlle ao propio Concello a licenza de obra para a reconstrución do envolvente exterior do número 5 da rúa da Cerca, a coñecida como Casa Gótica. O proxecto, para o que o consistorio reservou 125 000 euros dos remanentes de 2020 que acaba de aprobar en pleno, inclúe a recuperación das fachadas e a cuberta. Trátase dun paso máis por parte do goberno local para a recuperación dun dos símbolos do centro histórico, que o Concello acaba de contratar de forma subsidiaria, isto é, reclamaralle o custo ao propietario.

A área de Urbanismo tomou a decisión despois de intentar negociar coa propiedade un acordo para a adquisición do inmoble. Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Andrés Hermida, houbo un principio de acordo mais, finalmente, no momento de plasmalo “botouse de novo atrás”

Así as cousas, a postura da Concellería é clara canto á súa “intención de que esta construción se recupere”, co que aos gastos do proxecto técnico e os traballos xa realizados polo Concello de estabilización do único muro que quedaba á casa, executados hai unhas semanas, cuxo custo alcanzou os 22000 euros; súmaselle tamén a sanción de 6000 euros que aínda ten pendente. Todo  iso “seguirá o curso administrativo, cos procedementos abertos”, explica o edil quen lamenta “a pouca ou nula vontade do propietario a negociar a venda a un xustiprezo. Temos un soar abandonado, cunha serie de actuacións que foron realizadas da forma que foron e a pesar diso segue sen querer chegar a un acordo cando a intención do Concello é, simplemente, recuperar, primeiro un símbolo da zona, como é a Casa Gótica, para uso público”.

Andrés Hermida lembrou a obriga que lle impón a Lei de patrimonio cultural de Galicia ás persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias, de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia, como é o caso, de “conservalos, mantelos e custodialos debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración”.