A XV Semana da Tortilla de Betanzos coroou hoxe a Adega Lastras como o establecemento gañador da Mellor Tortilla de Betanzos 2025.
O restaurante consegue este recoñecemento por primeira vez, nunha final que puxo o broche de ouro a unha edición marcada pola altísima calidade dos 14 locais participantes.
A final, celebrada este domingo e retransmitida en directo polas canles de comunicación do Concello, enfrontou aos cinco seleccionados polo xurado semanal: A Cova do Frade, Burger City Café Segundo, Mesón Avenida, Restaurante Casanova e o agora campión, Adega Lastras.
O xurado profesional, composto polo chef estrela Michelín Luis Veira; Antonio Amenedo, do Pazo de Santa Cruz de Mondoi; e Gerardo Quintela, do Bar Quintela da Coruña, destacou, tras a cata a cegas, a gran igualdade da final, na que só sutís matices lograron diferenciar á tortilla gañadora dos seus rivais. O prato de Adega Lastras foi o que finalmente se alzou coa vitoria.
O secreto do seu éxito radica nunha receita precisa e depurada: a tortilla gañadora elabórase con 700 gramos de pataca cortada en anacos de 2 milímetros, combinados con once ovos e catro xemas, ademais de sal e aceite.
A vitoria revestiuse dun feito excepcional: a súa tortilla non só foi a favorita na final, senón que tamén foi a máis valorada polo xurado semanal que tivo a difícil tarefa de elixir os cinco establecementos aspirantes. Esta dobre coincidencia subliña o consenso ao redor da excelencia do produto presentado por Adega Lastras.
O Concello de Betanzos destacou a participación no evento, tanto dos establecementos de hostalería como do público, que durante toda a semana puido degustar as tortillas e participar nos sorteos. Como novidade, esta edición incorporou a aplicación móbil “GastroBetanzos”, dispoñible para Android e iOS, que permitiu á clientela votar pola súa favorita na categoría de “mellor tortilla popular” e optar a sorteos de experiencias gastronómicas e lotes de produtos.
Con esta vitoria, Adega Lastras inscribe o seu nome na historia deste certame gastronómico que xa cumpre 15 edicións, consolidando a Tortilla de Betanzos como un das iconas culinarias non só de Galicia senón de España, como destacou o xurado profesional.
Nos próximos días darase a coñecer o establecemento gañador do premio á “Mellor Tortilla Popular”, elixido directamente os votos da clientela a través da nova aplicación.
A alcaldesa, María Barral, xunto á concelleira de Promoción Económica, Anxeles Veiga, entregou o título de gañador a Pedro Miño García como cociñeiro de Adega Lastras, así como ao segundo clasificado, Burger City Café Segundo e ao terceiro A Cova do Frade. Todos eles recibiron, ademais do premio institucional, un lote de produtos do patrocinador aceites Abril.
Cuarto e quinto clasificados foron Mesón Avenida e Restaurante Casanova.












