As poetas galegas María Lado e Lucía Aldao achegaron aos centros de secundaria de Betanzos o espectáculo “Aldaolado porque si”

1811
Lucía Aldao y María Lado (Aldaolado)

O Concello de Betanzos achegou esta proposta de dinamización sociolingüística a través do Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración cos Equipos de Dinamización Lingüística do IES As Mariñas e o IES Francisco Aguiar. Varias sesións do espectáculo “Aldaolado porque si” tiveron lugar o pasado 4 de abril nos centros de ensino de secundaria betanceiros para 250 alumnos e alumnas de 3.º e 4.º da ESO, así como de 1.º de Bacharelato e Formación Profesional.

O espectáculo das poetas galegas María Lado e Lucía Aldao reflexionou sobre a relación que as poetas teñen coa súa lingua propia, o motivo polo que escolleron o galego e como o usan polo mundo adiante, para facer unha reflexión sociolingüística neste novo espectáculo exclusivo para os centros de ensino. A actividade encadrouse no programa anual de propostas que o Concello achega a todos os centros de ensino da localidade coa finalidade de dinamizar a lingua galega para o público de diferentes idades.

Este xa é o cuarto ano consecutivo que o Concello leva a cabo diversas actividades dirixidas ao alumnado de primaria e secundaria dos centros de ensino da localidade con motivo do Día mundial da Poesía, coa finalidade de potenciar a sensibilidade e a imaxinación a través da poesía, ademais de promover e prestixiar o uso da lingua galega como ferramenta de creación literaria e artística.